O forte temporal de chuvia e vento, "cébase" nos areais das praias de Camposancos
O alcalde de A Guarda urxe ás administracións para unha actuación definitiva
Que evite o deterioro da ribeira galega na desembocadura do Río Miño
O alcalde e a tenente de alcalde, esta mañá, na Praia do Forte (Camposancos) supervisando a zona
Fotos: C.A.G.
Infogauda / Camposancos (A Guarda)
Ainda que oficialmente estamos na estación de outono, nestes días de decembro xa tivemos boa proba dos danos que os fortes temporais de chuvia e vento, aliados coa pleamar, causaron nas praias e no cordón dunar de Camposancos, no termo municipal de A Guarda.
Por esa razón, dada a tregua metereolóxica que vivimos no día de hoxe, o alcalde do Concello de A Guarda, a tenente de alcalde e o concelleiro de Vías e Obras, Antonio Lomba Baz, Mª Montserrat Magallanes Álvarez e Miguel Ángel Español Otero, respectivamente, esta mañá revisaron in situ, os diferentes danos ocasionados polo recente temporal que azoutou a ribeira galega, na desembocadura do río Miño.
As tubaxes de canalización das augas pluviais quedaron á vista
Na pasada noite do martes día 15 e na madrugada deste mércores día 16 de decembro, o areal da Praia do Forte, en Camposancos, perdeu preto dun metro de altura de area na súa extensión, por mor dos fenómenos meteorolóxicos adversos, que sumados aos ventos do sur e ás mareas vivas, ocasionaron ademais, a perda duns 30 metros lineais da pasarela de madeira que une O Puntal - zona coñecida tamén como Punta dos Picos - coa Praia do Forte, que quedaron espallados polo areal ata unha distancia de máis de 500 metros, como quedou documentado fotográficamente.
Tamén quedaron ao descuberto as tubaxes das augas pluviais, e operarios municipais procederon a retirar a pasarela de acceso directo á praia ante a falta de estabilidade da mesma.
A praia e o cordón dunar resultaron gravemente afectados polo temporal
“É evidente que a perda de area do litoral da Guarda afecta ao ecosistema dunar e milleiros de metros cúbicos das nosas praias desapareceron”, indicou Antonio Lomba, mentres revisaba os desperfectos na Praia do Forte.
A situación é limite, e o alcalde de A Guarda urxe “ás diferentes administracións con competencias sobre este espazo natural a tomar medidas de xeito inmediato”.
Aspecto que presenta a día de hoxe o noiro preto da Praia do Caldeiro
Os danos esténdense ata a zona do Codesal, a cal xa resultara afectada con anterioridade pola perda de area no lugar coñecido coma “A Noria”, que continúa tamén a deteriorarse, afectando mesmo ao sendeiro que transcorre pola Ruta da Desembocadura do Río Miño (PR-G 160).
Mª Montserrat Magallanes indicou que “é o momento de actuar se non queremos perder as nosas praias e o seu importante entorno natural, un dos maiores atractivos turísticos da comarca”.
A PROPOSTA DE CONSTRUCCIÓN DE CATRO ESPIGÓNS PROVÉN DO ANO 1979
Desde o executivo municipal lembran que “en xullo de 2018 chegou ao Concello de A Guarda o
esperado informe do Centro de Estudos e Experimentación de Obras
Públicas (CEDEX), onde o concello defendeu que a mellor proposta que se
axusta aos seus intereses é a alternativa 5, que propón a construción
dun dique-espigón de “escollera” a baixa cota e lonxitude a determinar
como continuación dos baixos entre as praias do Forte e A Lamiña, cara
ao leste. Segundo o informe do CEDEX, xa en 1979 o Plan Indicativo de
Usos do Dominio Público do Litoral propuña a construción de catro
espigóns e o vertido de áridos neste espazo, unha actuación que nunca se
levou a cabo”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario