O Equipo de Goberno do Concello de A Guarda leva a pleno o orzamento para o 2021
• Súa aprobación permitirá facer fronte aos problemas derivados de estar traballando co orzamento prorrogado de 2018.
• O novo orzamento supera os 7 millóns de euros, cun importante incremento en Servizos Sociais.
Infogauda / A Guarda
O Equipo de Goberno do Concello de A Guarda, que preside o alcalde Antonio Lomba Baz presentará este venres 18 de decembro, ás 8:30 horas, en sesión plenaria extraordinaria, os orzamentos do próximo exercicio para a súa aprobación inicial polo Pleno da Corporación Municipal.
Desde o executivo local refiren: "O pasado mes de outubro comezaron os traballos de confección dun novo orzamento para o exercicio 2021, xa que o concello estaba traballando co prorrogado do ano 2018 e atopábase con moitos problemas e moitas limitacións á hora de solucionar determinadas necesidades da veciñanza. Dende o mes de outubro se trasladou información aos diferentes grupos municipais e houbo reunións cos grupos que así o propiciaron coa vontade de chegar a acordos.
Co novo orzamento, que supera os 7 millóns de euros, o concello vai poder afrontar subvencións de diferentes administracións que requiren aportación municipal para poder levalas a cabo. Contempla tamén a transferencia á Xunta de Galicia por 281.294€ que é a aportación municipal para a construción da nova Escola Infantil, que está nestes intres en proceso de licitación".
MÁIS DE 616.000 EUROS PARA SERVIZOS SOCIAIS
Desde o Equipo de Goberno indican tamén que "estes orzamentos contemplan un importante esforzo orzamentario na partidas de Servizos Sociais que superan a cifra de 616.000€, producíndose un importante incremento de máis do 40% dos recursos adicados a este departamento, onde o concepto que experimenta a maior suba é o que se refire á atención das persoas dependentes. O incremento do número de horas que se prestan ao coidado das persoas maiores fan que sexa necesario dotar máis crédito para poder afrontar a execución do gasto. Tamén hai un incremento do 20% nas partidas adicadas a emerxencia social.
Así mesmo, estes orzamentos prevén a cobertura de novas necesidades ocasionadas pola pandemia [da COVID-19] e que terán que ser afrontadas no 2021. Entre outros destacamos os gastos ocasionados pola necesaria desinfección de espazos públicos, mantemento e reforzo de limpeza en espazos naturais, acondicionamento de sendas, material de protección ante a covid e o reforzo de limpeza para a desinfección en escolas e centros educativos do municipio.
En definitiva, continuar traballando co orzamento de 2018 suporía non atender ás actuais demandas e paralizar o concello. Co novo orzamento o equipo de goberno pretende satisfacer as necesidades da veciñanza por medio da prestación dos servizos que son competencia municipal, afrontar os retos que prantexa o 2021 e respostar ás diferentes problemáticas que orixina ter que convivir coa pandemia orixinada polo Covid".
Ningún comentario:
Publicar un comentario