1 de dec. de 2020

AS CACHADAS (SALCIDOS) A GUARDA

LABORAL

A CIG logra catro dos cinco delegados/as que se elexían na empresa Imerys Kiln Furniture, de As Cachadas

É a primeira vez que a central obtén representación na compañía, unha das maiores da comarca do Baixo Miño 

A fábrica das Cachadas - no centro da imaxe - continúa a ser unha das empresas con maior antigüidade da comarca

Foto: Infogauda

 

Infogauda / As Cachadas (Salcidos) A Guarda

 A CIG vén de gañar con maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas na transnacional francesa Imerys Kiln Furniture España, con sede na paraxe de As Cachadas (Salcidos), A Guarda, e dedicada á fabricación de materiais refractarios. A central obtivo 4 dos 5 delegados/as que se elexían no comité de empresa, sendo a primeira ocasión na que obtén representación nunha das maiores compañías da comarca. 

 Na xornada electoral que tivo lugar onte, a CIG sumou 29 votos (69,05%) dos 52 emitidos no colexio de especialistas, que se traducen en 3 delegados/as. Mentres que CCOO logrou 13 apoios (30,95%) e 1 delegado/a. 

 A CIG tamén conseguiu o representante que se escollía entre o persoal técnico e administrativo grazas aos 9 votos colleitados (69,23%) dos 13 que se contabilizaron. Pola súa banda, CCOO sumou 3 apoios (23,07%). 

Dende 1808 

 Dende a Unión Local do Baixo Miño valoran "o feito de que é a primeira vez que a CIG logra representación nunha empresa que leva exercendo a súa actividade dende o ano 1808, sendo durante moito tempo a compañía con maior cadro de persoal da comarca. Na actualidade traballan nela un total de 59 persoas". 

 Pola súa banda, "a representación sindical da CIG en IKF agradece a confianza e o apoio recibido por parte do cadro de persoal e adianta a súa vontade de loitar na defensa dos dereitos laborais do conxunto dos traballadores/as da empresa".

Ningún comentario:

Publicar un comentario