18 de dec. de 2020

A GUARDA

O alcalde presenta unha cuestión de confianza vinculada aos orzamentos municipais de 2021

• Para Antonio Lomba Baz é un exercicio de responsabilidade no que pon a disposición da corporación o seu cargo e o do equipo de goberno, antepoñendo os intereses da localidade por riba de todo.

 

                            Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda   

 

Infogauda / A Guarda

 A xornada deste venres día 18 de decembro non comezou do mellor xeito para o alcalde Antonio Lomba Baz e seu equipo de goberno, toda vez que na sesión plenaria extraordinaria que comezou ás 8:30 horas, na Casa do Concello, escenificouse - como xa se prevía en días precedentes - o rexeitamento da maioría de concelleiros e concelleiras da Corporación Municipal ao proxecto de Orzamento Municipal para o exercicio de 2021, que o executivo municipal formado por cinco ediles do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE presentou para súa aprobación.

 Vístas as posicións de dous dos grupos municipais (PP e BNG) que ostentan a maioría da Corporación Municipal, o alcalde seguindo o procedemento establecido nestes casos, convocou unha nova sesión plenaria extraordinaria para o vindeiro mércores día 23 de decembro, ás 8:30 horas, na cal, a proposta da Alcaldía será abordada a cuestión de confianza vencellada a aprobación do Orzamento de 2021.

 Asemade, para coñecemento da cidadanía de A Guarda, na tarde de hoxe, o executivo municipal fixo público o seguinte comunicado:

"O equipo de goberno do concello da Guarda considera fundamental contar cuns novos orzamentos para o exercicio 2021. O concello estivo traballando ata o día de hoxe cos orzamentos prorrogados de 2018, pero considera que é indispensable contar con novos recursos para o 2021, o cómodo sería prorrogar o orzamento existente, o responsable é facer todo o posible para acadar un novo orzamento.  

 Son moitos os motivos que se poden esgrimir pero queremos destacar os seguintes: o incremento dun 40% da partida adicada a servizos sociais, isto propicia unha mellor atención aos nosos maiores e dependentes, cubrindo as necesidades dos que máis o necesitan. O orzamento tamén debe cubrir as achegas municipais das subvención e convenios asinados con outras administracións, como por exemplo no caso da nova Escola Infantil Municipal, ou para a mellora do alumeado de todo o concello, que se vai a realizar grazas a unha subvención do IDAE (fondos europeos). Queremos destacar tamén que necesitamos recursos específicos para afrontar a situación xerada pola pandemia que estamos a padecer.  

 Estes son, entre outros moitos, argumentos coa importancia suficiente para dispoñer dun novo orzamento. O orzamento para o 2021 contempla un incremento de 1.150.000 € que reverterán en cubrir as necesidades dos veciños e veciñas da Guarda, e polo tanto, contribuirán á mellora da calidade de vida da cidadanía.  

 Ante o rexeitamento dos grupos políticos do PP e BNG, mostrado co seu voto desfavorable no pleno celebrado a día de hoxe 18 de decembro, o alcalde, Antonio Lomba, decidiu someter á consideración da corporación municipal unha cuestión de confianza vinculada a aprobación do orzamento.  

 Durante as semanas previas ao pleno de orzamentos non foi posible chegar a acordos cos grupos, no caso do BNG nin sequera aceptaron sentarse nunha mesa a negociar. A representación do PP amosou diferencias de criterios entre o portavoz e parte do seu grupo, en ningún momento fixeron unha proposta seria que permitise achegar posturas. Nin uns nin outros dan mostras de ter proxecto para este pobo, por iso se percibe medo a sentarse a debater a fondo propostas sobre o orzamento. Segundo o alcalde, durante o transcurso do pleno os grupos non aportaron argumentos que defendesen o seu voto desfavorable, non entraron a debater o orzamento e limitáronse a descalificar ao equipo de goberno.  

 A cuestión de confianza, que se debatirá nun pleno o día 23 de decembro, leva implícita, no caso de prosperar, a aprobación do orzamento. No caso de non prosperar ábrese un prazo dun mes no que os grupos da oposición poderán presentar unha moción de censura. No caso de non facelo os orzamentos quedarán automaticamente aprobados. O alcalde é consciente do risco que asume, este é un exercicio de responsabilidade no que pon a disposición da corporación o seu cargo e o do equipo de goberno, antepoñendo os intereses da localidade por riba de todo".

Ningún comentario:

Publicar un comentario