MONTAR O BELÉN: UNHA DAS TRADICIÓNS MÁIS ANTIGAS
Na vila de A Guarda hai varios exemplos de vistosos beléns
A imaxe corresponde ao belén da familia Martínez Martínez, no escaparate da antiga Froitería de Concha Vicente
Belén montado polos praceiros no Mercado Municipal de A Guarda
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Continuando cunha tradición de moita raigame, na vila de A Guarda hai varias familias, algún centro educativo e tamén algún colectivo, que teñen a ben montar seus beléns. Sen máis pretensión que manter vivo ese costume, que nalgúns casos, contabiliza décadas de antigüidade.
Malia a que desde fai tempo non hai convocatoria institucional que incentive esa actividade tan propia do Nadal, temos constancia de que os beléns, de diferentes tamaños, feitos con materiais moi diversos, presiden moitos fogares guardeses, pois é vontade de cada núcleo familiar continuar esa tradición tan fermosa e ao mesmo tempo tan antiga no noso País e tamén noutros lugares do mundo.
Sen ánimo de omitir moitos outros, porque non é nosa pretensión facer un inventario belenístico, podemos afirmar que, entre outros, na vila de A Guarda están montados os correspondentes nacementos, nos seguintes lugares: Igrexa parroquial de Santa María de A Guarda; Praza de Abastos; escaparate da antiga froitería de Concepción Vicente; acceso ao que fora establecemento - Chalana - de Luis Milego Suárez; zaguán da vivenda de María de los Ángeles Iglesias González; escaparate do establecemento de Natividad Lago Bargiela,...
A relación pode ser, obviamente, máis extensa.
Hai beléns moi enxebres, con presenza de figuras de arxila policromada, construccións tradicionais galegas, como muíños de vento, pombais, aceñas,..., e outros feitos con materiais alternativos e mesmo reciclados. En todo caso, todos eles reflicten o nacemento do Neno Xesús, a adoración dos pastoriños, a chegada dos Reis Magos de Oriente,...
Manter esa tradición é mérito das familias guardesas que ano tras ano deciden que os beléns sexan o relato bíblico que presida as celebracións do Nadal.
Asemade, queremos salientar que a familia de María Ángela Martínez Vicente, tivo a iniciativa de incluir nas figuras do seu belén, ás máscaras, a escala, coas que todos temos que convivir e relacionarnos, por causa da pandemia.
Dese xeito, A Guarda acredita que pode presumir de conservar súa tradición belenística para disfrute das propias familias que ano tras ano teñen a ben montalos, e tamén das persoas que poden admiralos naqueles lugares públicos onde están instalados, e que todos podemos ir descubrindo nestas datas tan entrañables.
Ningún comentario:
Publicar un comentario