12 de dec. de 2020

A GUARDA

A COMUNIDADE DE MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN DA PARROQUIA DE A GUARDA ABRIU O “MIRADOR DO PEREGRINO”

· A área de descanso está situada preto de Bazar, a carón da ruta xacobea do Camiño Portugués pola Costa

 

          Vista parcial da área de descanso denominada  “Miradoiro do Peregrino”

 

Infogauda / A Guarda

 A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de A Guarda, que preside Manuel Castro Vicente, vén de comunicar que “a pasada fin de semana, aproveitando a ponte da Constitución, esta Comunidade de Montes, abriu o “Miradoiro do Peregrino”, para o uso público, camiñantes e paseantes, que todos os días percorren polo lugar, os ciclistas das distintas localidades que se achegan a nosa Vila, especialmente as fins de semana e tamén a todos  os peregrinos que por medio do Camiño Portugués pola Costa, seguindo a Ruta Monacal, fan o traxecto A Guarda-Oia, na súa viaxe a Compostela.  

 


 En relación a esa actuación ubicada preto de Bazar, a carón da estrada autonómica PO-552, Celso Rodríguez Fariñas, secretario da xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de A Guarda, refire: Como se pode ollar nas imaxes, empregouse pedra do País, para as mesas e bancadas; instaláronse papeleiras, e plantouse unha serie de árbores nobles para que quenes queiran atopar un remanso de paz, contemplar a natureza e ollar o azul do ceo e do mar, poidan facer un descanso no seu desprazamento.  

 


 

 Foi intención desta Comunidade, recuperar e poñer en valor ese espazo que estaba bastante degradado, e o mesmo tempo que tivera unha utilidade colectiva. Consideramos que o logramos, pero cada quen terá a súa opinión, esperando que a maioría sexa positiva. Con iso nos conformamos, dándonos ánimos para seguir facendo máis e mellores obras que redunden no aproveitamento dos espazos da Comunidade e para disfrute do noso pobo.

 Convidámosvos a disfrutar do “Miradoiro do Peregrino”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario