O Concello de Tomiño cualifica de éxito absoluto a charla-coloquio impartida por Rosa Cobo
Asistiron ao evento a través de videoconferencia preto de 50 persoas de toda Galicia
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño, dentro da súa programación para conmemorar o 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, organizou o pasado venres unha charla-coloquio coa socióloga e teórica feminista Rosa Cobo, un evento que contou coa asistencia de preto de 50 persoas de toda Galicia, superando as expectativas dos organizadores.
O evento realizouse a través de videoconferencia debido á situación pandémica e tivo unha duración aproximada de dúas horas e media. Baixo o título ‘A cuarta ola feminista: violencia sexual vs. educación igualitaria’ fíxose un percorrido pola historia do pensamento feminista ata a actualidade, pondo como eixo central a loita contra a violencia sexual e animando un debate cos asistentes sobre a sociedade que queremos construír, o xeito en que educamos a mozos e mozas e a necesidade dunha educación igualitaria para garantir a fin da violencia.
Rosa Cobo é doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía, profesora titular de Socioloxía e directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas na Universidade da Coruña. Directora de Atlánticas, Revista Internacional de Estudos Feministas da mesma Universidade.
No marco da programación relacionada con 25N, están previstas tamén outras actividades como a declaración institucional da corporación municipal contra a violencia de xénero, o desenvolvemento ao longo da semana da campaña ‘Tomiño en Negro’ xunto co comercio local ou a interpretación da obra teatral ‘Bernarda’ o próximo 28 de novembro no Auditorio de Goián.
Ningún comentario:
Publicar un comentario