19 de nov. de 2020

TOMIÑO

O Concello de Tomiño organiza actividades de cara ao Día Internacional contra a Violencia de Xénero  

A programación inclúe obras de teatro, coloquios e campañas cos comercios entre outras actividades 

Infogauda / Tomiño

 Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de xénero, o Concello de Tomiño organiza actividades que dende a Cultura, a mocidade, a divulgación académica e mesmo o deporte, queren visibilizar a violencia que día a día seguen a sufrir moitas mulleres polo feito de seren mulleres.   

 A programación inclúe, outro ano máis, a campaña Tomiño en Negro, dende a que o Concello anima ao comercio local, tecido asociativo, organizacións, etc. a sumarse vestindo de negro os escaparates e espazos e coa utilización do material de campaña que será distribuído. Como nos últimos anos, as fotografías e iniciativas co material de campaña poden ser subidas ás redes sociais mediante a utilización das etiquetas #ENNEGRO, #CONTRAASVIOLENCIAS, #NONESTÁSSOA, #QUERÉMONOSVIVAS,..., calquera deles acompañados de #TOMIÑOENNEGRO.  

 Tamén está encadrado no conxunto de actividades a exposición ‘Rompe. Xoga en Igualdade’, presente no Mercado de Tomiño ata o próximo 20 de decembro, as representacións teatrais ‘Sofía’ e ‘Bernarda’ ou a charla-coloquio ofrecida por Rosa Cobo o venres 20 de novembro: ‘A cuarta ola feminista: violencia sexual vs. educación igualitaria’, entre outras.  

 Unha programación, polo tanto, que de xeito transversal abordará a violencia contra as mulleres e cun acto central o día 25 de novembro —a lectura do Manifesto institucional— que este ano, e por mor da situación sanitaria, será retransmitido online para garantir a seguridade de toda a cidadanía, sen renunciar á súa lectura como compromiso de todas as forzas políticas con representación municipal e sectores representativos da vila nesta loita que nos une: unha sociedade igualitaria e libre de violencia machista.

Ningún comentario:

Publicar un comentario