9 de abr. de 2026

A GUARDA

Retablo de esperpento funde e adapta, dúas obras de Valle-Inclán 

 A función da estrea na vila guardesa será o sábado 18 de abril ás 20:30h no Centro Cultural



Infogauda / A Guarda

 O grupo Noitebras Teatro volverá á Guarda para presentar a súa nova obra neste 2026.  

 Noitebras Teatro adéntrase no universo de Valle-Inclán e adapta dúas das súas obras: “Ligazón” e “Rosa de Papel”, incluídas no “Retablo da Luxuria, a Avaricia e a Morte”, fundíndoas nunha única peza teatral: “Retablo do Esperpento”.

 Valle-Inclán escribiu: “Quen sabe do pasado sabe do porvir”. E nós - Noitebras Teatro- , atrevémonos a engadir: “As decisións do presente mudan o futuro”. Ou acaso somos incapaces de burlar o noso fado?

 Poderemos desfrutar desta función o sábado 18 de abril ás 20:30h no Centro Cultural da Guarda. 

 Entrada libre ata completar a sala. 

 Público: Maiores de 12 anos. Esta recomendación non exclúe a menores desa idade.

 Nunha familia de meigas, unha moza resístese ás argucias da súa tía, que en conivencia coa nai, argalla para obter beneficio dos agasallos que un rico ofrece a cambio dos favores da virxe. A negativa da moza enfada ás dúas vellas.  

 Para reafirmarse na súa liberdade, a moza déixase facer as beiras por un humilde afiador, pero unha noite de luada, servíndose dos seus poderes de meiga, adiviña como sería o seu futuro e decide facer un lixeiro cambio de plans no seu destino a través dunha ligazón. Isto é, dun pacto de sangue.

Noitebras Teatro 

 Noitebras Teatro é unha compañía de teatro amador fundada en Vigo en 2022 por Ana Montoto e Xurxo Feral, tras formarse na Escola Municipal de Teatro de Vigo e outras escolas dramáticas da comarca do Baixo Miño coas que representaron diversas obras durante varios anos. 

 Especialízanse en obras propias de misterio e corte social, destacando con pezas como "Noitebras", "Mentalmorbose" e "Busco Muller", con presenza en festivais de España e Alemaña.

 Participaron en certames de prestixio como FITAG en Xirona; o Festival de Teatro Amateur de Alegría-Dulantzi; a Mostra de Teatro Breve de Noia, e a Mostra de Teatro Español en Alemaña (Bululú).

Ningún comentario:

Publicar un comentario