13 de abr. de 2026

TOMIÑO

Tomiño impulsa unha nova oportunidade de inmersión en inglés para a súa mocidade  

 É un proxecto proposto por Voces Novas e froito da escoita activa do Concello á mocidade  

 O Concello ultima a continuidade deste programa de bolsas en colaboración coa ANPA Solleiro e o equipo directivo do IES Antón Alonso Ríos  


O proxecto supón un salto cualitativo respecto ás actividades extraescolares habituais, ofrecendo unha experiencia de inmersión real nun contexto internacional
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño  

 Aprender inglés convértese nunha experiencia vital en Tomiño. O Concello ultima os detalles para a continuidade do proxecto piloto de inmersión lingüística posto en marcha o ano pasado, un programa intensivo de 15 días dirixido á mocidade do municipio que combina aprendizaxe, convivencia e crecemento persoal. 

 A iniciativa, impulsada e financiada polo Concello, xurdiu da proposta realizada por un grupo de alumnos e alumnas do centro que forman parte do grupo de participación infantil e adolescente Voces Novas, que incidiu na necesidade de crear alternativas formativas accesibles dentro do propio municipio, reforzando o carácter inclusivo e igualitario do programa. Deste xeito materialízase con novos programas a escoita activa que o Concello fai dende hai moitos anos da infancia e mocidade tomiñesa. 

 O programa desenvólvese en estreita colaboración coa ANPA Solleiro e co equipo directivo do IES Antón Alonso Ríos, que será o encargado do proceso de selección do alumnado participante en función da nota media de inglés, das calificacións escolares e valorando o esforzo feito polo alumnado. Nas vindeiras semanas abrirase a nova convocatoria dirixida a alumnado de 4º da ESO do IES Antón Alonso Ríos, con viaxe prevista para o mes de setembro.  

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “este programa nace da escoita activa á comunidade educativa e á propia mocidade, que demanda oportunidades reais para formarse e abrirse ao mundo. É unha oportunidade para conseguir unha bolsa e premiar tamén o esforzo e o traballo da nosa rapazada”.  

 O proxecto supón un salto cualitativo respecto ás actividades extraescolares habituais, ofrecendo unha experiencia de inmersión real nun contexto internacional, como xa aconteceu na edición piloto, que tivo lugar en Bournemouth. Durante a estancia, o alumnado traballou arredor dun proxecto común que combinou aprendizaxe lingüística con creatividade e reflexión.  

 Os rapaces e rapazas que foron o ano pasado expuxeron ante o resto do alumnado do IES Antón Alonso Ríos e ao Concello os resultados desa inmersión lingüística, unha experiencia que foi moi satisfactoria. “Non se trata só de mellorar o nivel de inglés, senón tamén é aprender a cultura doutro país, as costumes, estar con rapaces e rapazas de moitas partes do mundo co inglés como lingua de comunicación. E, por suposto, é unha oportunidade de fomentar a autonomía, a convivencia e a capacidade de adaptarse a novas realidades. Son aprendizaxes que quedan para toda a vida”, subliñou González. 

 Con esta iniciativa, o Concello de Tomiño reafirma o seu compromiso cunha educación transformadora, que amplía horizontes e prepara á mocidade para afrontar os retos dun mundo cada vez máis global.

Ningún comentario:

Publicar un comentario