10 de abr. de 2026

A GUARDA

O BNG DENUNCIA A INSALUBRIDADE DOS COLECTORES MARRÓNS POLO DESLEIXO DO ALCALDE ROBERTO CARRERO  

Anxo Lois Baz Vicente: “Se o concello  non garante unha recollida periódica e o  mantemento adecuado dos colectores, está boicoteando o esforzo da veciñanza por separar os residuos”  


Anxo Lois Baz Vicente, voceiro do BNG no Concello de A Guarda
Foto: BNG

Infogauda / A Guarda

 O BNG denuncia o estado de abandono no que se atopan os colectores marróns de materia orgánica no municipio. A falta de limpeza e a escasa frecuencia de recollida están a provocar focos de insalubridade, con presenza de moscas e cheiros insoportábeis. Esta situación é unha mostra máis do desleixo e a falta de implicación do alcalde, Roberto Carrero, e do seu equipo de goberno, indica Anxo Lois Baz Vicente, voceiro do BNG no Concello de A Guarda.

 “Se hai un mes advertiamos de que este abandono ía provocar sancións, agora atopámonos ademais  cun problema de saúde pública nas nosas rúas de non poñerlle remedio en breve. A situación pode volverse crítica coa subida das temperaturas”, sinala  Anxo Lois Baz. 

 “A falta de limpeza envía unha mensaxe nefasta á cidadanía. Se a administración non garante unha recollida periódica e o  mantemento adecuado dos colectores, está boicoteando o esforzo da veciñanza por separar os residuos afirma o nacionalista que lamenta “que o grupo de goberno fora  incapaz de concretar no último pleno a periodicidade da recollida”. 

 Anxo Lois Baz  rematou esixindo “a limpeza e desinfección inmediata de todos os colectores, o  incremento da frecuencia de recollida así como  a posta en marcha dunha  campaña real  de concienciación da veciñanza  para o uso do colector marrón”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario