A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA RECIBE PETICIÓNS DE 54 CONCELLOS DA PROVINCIA PARA REHABILITARE SINALIZAR PATRIMONIO HISTÓRICO CULTURAL
O departamento dirixido por María Ortega repartirá 400.000 euros en axudas rexéndose polos principios de solidariedade e equilibrio territorial
Infogauda / Pontevedra
As axudas da Deputación de Pontevedra para rehabilitar e sinalizar patrimonio histórico cultural na provincia veñen de ser solicitadas por 54 concellos da provincia, quedando unicamente á marxe A Estrada, Illa de Arousa, Meaño, Pazos de Borbén e Pontecesures, que non presentaron proxecto para subvencionar. Nestes momentos as solicitudes están a ser fiscalizadas polo departamento de Intervención, que emitirá ditame para indicar se se axustan ás bases da convocatoria.
O departamento dirixido por María Ortega repartirá 400.000 euros nestas axudas, que se rexen polos principios de solidariedade e equilibrio territorial para permitir levar adiante investimentos e actuacións que non resultarían asumibles para os concellos sen a cooperación económica da Deputación. “Entendemos que a promoción, a información e a accesibilidade aos bens culturais das localidades son básicas en calquera política cultural e turística, e tan fundamental é dar a coñecer a nosa provincia como que as persoas que a visiten poidan acceder facilmente aos bens patrimoniais”, subliña a nacionalista.
No caso da comarca de Pontevedra, os concellos solicitaron axuda económica para as obras de restauración e posta en valor do lavadoiro da Pedreira en A Lama; a creación dunha ruta interpretativa da arquitectura indiana en Ponte Caldelas; o proxecto de sinalización da variante espiritual do Camiño Portugués en Poio; a rehabilitación do acceso aos petróglifos de Pedra da Serpe en Campo Lameiro; ou a restauración dunha vivenda e sinalización no castro de Monte de Chan en Barro.
Na comarca do Morrazo, as axudas foron solicitadas polos concellos para a sinalización e divulgación patrimonial das fontes de Marín; para a restauración, sinalización e posta en valor da Torre de Meira en Moaña; para a sinalización de fontes e lavadoiros en Bueu; para a restauración, limpeza e sinalización do peto da Magdalena e a limpeza de diversas estatuas en Cangas; e para a sinalización e reparación de elementos no roteiro das Mámoas en Vilaboa.
No Salnés, priorizáronse a restauración e conservación do hórreo da Gándara, en Meis; a instalación dun rego para a conservación do xardín histórico do parque Vicaño, en Sanxenxo; o deseño e instalación de paneis informativos sobre a torre de San Sadurniño en Cambados; a sinalización do espazo museístico das salgadoiras de punta Moreiras, en O Grove; a rehabilitación e sinalización de patrimonio diverso en Ribadumia; a escavación arqueolóxica no sector sur do castro e mosteiro de Cálago, en Vilanova; e as obras de mantemento do edificio da Casa do Concello, en Vilagarcía.
Na comarca de Caldas, o concello de Caldas pediu axuda para a rehabilitación da fonte dos Catro Canos; Catoira pediu para sinalización interpretativa no Muíño da Ponte; Portas para restaurar o lavadoiro de San Bieito; Valga para mellorar os accesos aos muíños da fervenza de Parafita; e Moraña para sinalizar tres rutas temáticas e para realizar un inventario de bens patrimoniais.
No Deza-Tabeirós os concellos priorizaron a restauración do peto de ánimas da Inmaculada Concepción, en Forcarei; a sinalización e cartelería para a mámoa da Chousa Nova, en Silleda; a conservación do cruceiro de San Marcos, en Cerdedo-Cotobade; a instalación de paneis nos bens inmobles municipais, en Dozón; a posta en valor de áreas recreativas de valor natural e ambiental, en Agolada; a posta en valor de diversos elementos arquitectónicos, etnográficos e arqueolóxicos en Rodeiro, Cuntis, Lalín, e Vila de Cruces.
Na comarca de Vigo, o concello de Redondela solicitou subvención para a rehabilitación da fonte de Santiago Apóstolo; en Soutomaior pediuse axuda para a reparación de solos e paramentos no centro multiusos de Arcade; Salceda de Caselas priorizou a posta en valor da contorna da igrexa de Santos Xusto e Pastor na parroquia de Entenza; no Porriño pediuse axuda para a rehabilitación da fonte da María Rosa en Pontellas; Mos pediu subvención para mellorar a cuberta da Casa Consistorial. No Val Miñor, Nigrán pediu financiamento para a restauración da muralla do Castro de Candebrito; Baiona para a recuperación do lavadoiro do río da Maré, na Baíña; e Gondomar para o acondicionamento das instalacións do antigo matadoiro.
No Baixo Miño as axudas destinaranse á recuperación da fonte de Xixolla, en A Guarda; ao inventario das igrexas románicas e bens patrimoniais de Tomiño e a súa sinalización; á mellora de sinalización de diversos elementos en Tui; á sinalización das salinas do Aguncheiro, en Mougás (Oia); e á sinalización interpretativa da igrexa de Santa Mariña do Rosal.
No Condado-Paradanta as solicitudes de subvención están destinadas á restauración do lavadoiro da poza das Lavandeiras en Covelo; á recuperación da contorna da fonte dos dous canos, en A Cañiza; á sinalización interpretativa das parroquias de Toutón e Lougares en Mondariz; á sinalización do xacemento paleolítico de Porto Maior, en As Neves; á mellora da pavimentación da contorna da capela de San Pedro en Arbo; á conservación da Casa do Concello de Mondariz-Balneario; á sinalización de catro igrexas, dúas mámoas e na rehabilitación dun cruceiro e unha pía bautismal en Ponteareas; e á sinalización de diverso patrimonio en Salvaterra.
Segundo establecen as bases da convocatoria repartirase un importe fixo de douscentos mil euros de forma lineal entre os concellos da provincia que se acolleron a estas axudas. A cantidade restante, outros douscentos mil, repartirase entre os concellos de forma proporcional segundo poboación (75%) e superficie (25%). Aos concellos de ata 10.000 habitantes destinaranse 40.000euros; aos concellos de 10.001 a 20.000 habitantes corresponderanlle 80.000 e aos concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes corresponderanlles os 80.000 euros restantes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario