14 de nov. de 2020

TOMIÑO

O alumnado tomiñés participa con voz propia na vida política

O Consello Municipal da Infancia e Adolescencia prepara o seu propio pleno o vindeiro día 20, Día Internacional da Infancia 

 

         Membros de Voces Novas, nunha das xuntanzas que desenvolveron neste 2020

         Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, nomeado como Voces Novas polos seus integrantes, continúa coa súa xeira de actividades. O pasado xoves foi aprobado no pleno municipal o novo regulamento do órgano, que contará co seu propio pleno o vindeiro día 20, en conmemoración do Día Internacional da Infancia.  

 Desde o Concello de Tomiño destacan a importancia deste instrumento para conseguir que os máis novos e novas se involucren na vida política do concello, de forma que poida existir unha canle de comunicación que lles sirva para defender os seus intereses, facer propostas e estar informados das cuestións que lles poidan afectar de xeito directo ou indirecto. A alcaldesa, Sandra González, remarca o “orgullo que para o goberno local representa que a infancia participe da vida política e teña unhas institucións que lles sexan útiles e defendan os seus intereses, labor pola cal UNICEF lle outorgou a Tomiño o distintivo de Cidade Amiga da Infancia no 2018”.  

 Logo dunha parálise debido ao confinamento, o órgano mantén reunións periódicas desde o pasado mes de xullo nas que trazar as liñas de traballo e debater ideas para facer novas actividades. Unha delas é a que teñen prevista para o próximo día 17, na que participarán nun foro do Parlamento Galego xunto aos demais Consellos da Infancia e Adolescencia de Galicia, e na que a representación tomiñesa falará de temas como a igualdade de xénero ou a educación de calidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario