28 de nov. de 2020

SOBREDO (GUILLAREI) TUI

Mártires de Sobredo: conmemoración do seu 98 aniversario 

· O acto, condicionado pola situación de pandemia, reduciuse a unha ofrenda floral 

 

     Monumento aos Mártires de Sobredo coas ofrendas florais deste 98 aniversario

 

IEAMSo / Sobredo / Guillarei (Tui)

 No sábado 28 de novembro, nos 98 anos dos sucesos de Sobredo (Guillarei - Tui), realizouse o acto na memoria de Cándida Rodríguez, veciña de Pazos de Reis, parroquia de Tui; e dos veciños de Salceda de Caselas, Joaquín Besada, de Soutelo, e Venancio González Romero, de Budiño, Mártires de Sobredo; mortos en 1922, cando a Guardia Civil disolveu a tiros centos de persoas que se concentraron no lugar para protestaren polo embargo das súas propiedades a un veciño que se negaba a pagar os foros.  

 Eran momentos convulsos e dunha grande conciencia política que se exercía desde as múltiples asociacións agrarias; así, Sobredo  é desde hai case cen anos símbolo da unidade por defender o dereito a non pagar por traballar a terra, símbolo da importancia da solidariedade e do pobo para mudar o mundo.  

 
 

Na homenaxe aos Mártires de Sobredo tamén participaron dúas bisnetas de Cándida Rodríguez

 Este ano a Covid-19 non permitiu celebrar o acto multitudinario de conmemoración que anualmente se convoca; por tal motivo reduciuse a unha ofrenda floral no monumento, realizada ao son antiga Marcha do Reino de Galicia. Participaron, enviando ramos e coroas, os Concellos de Tui e Salceda de Caselas; en representación das entidades veciñais e educativas:  o Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo, a Asociación de Veciños, Agrícola e Cultural de Parderrubias e o IES San Paio de Tui; e, de organizacións políticas, Movemento Salceda, BNG e Galiza Nova.  

 Participaron na ofrenda o Alcalde e representación da corporación Municipal de Tui; o goberno municipal de Salceda; descendentes (bisnetas) de Cándida Rodríguez e unha comisión da Dirección do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSo), entidade organizadora desta conmemoración. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario