A CIG mobilízase diante da residencia intervida pola Xunta en Salvaterra para que se depuren responsabilidades
A central leva dende 2017 denunciando a falta de persoal e as deficiencias nas instalacións e na atención
A CIG desenvolveu hoxe unha mobilización diante da Residencia Geriátrica Salvatierra
Infogauda / Salvaterra de Miño
A CIG desenvolveu hoxe unha mobilización diante da Residencia Geriátrica Salvatierra, centro intervido recentemente pola Xunta polo contaxio masivo por coronavirus entre persoal e residentes, para reclamar que se depuren responsabilidades xa que a central leva dende 2017 denunciando a falta de persoal e as deficiencias nas instalacións e na atención.
Esta residencia saltou ao primeiro plano da actualidade unha vez que o persoal do Sergas se incorporou ao centro para reforzar o cadro de persoal e comezou a facer públicas as condicións nas que se atopan as instalacións e os residentes. Mais a CIG levaba anos denunciando na Inspección de Traballo, na inspección de maiores da Xunta, no Concello de Salvaterra e no Xulgado a situación da residencia, sen que ningún dos organismos teña feito nada.
A central mesmo organizou unha protesta diante das instalacións para rexeitar a campaña de acoso laboral e os despedimentos por parte da dirección como represalia ás traballadoras afiliadas da CIG que decidiron presentarse ás eleccións sindicais. Tal e como explicou Mercedes Domínguez, da CIG do Porriño, ao remate da concentración celebrada hoxe o inicio dos problemas na residencia remóntanse a 2016, cando recibiu o concerto das súas primeiras 24 prazas públicas. “Este feito, e a irrupción na dirección da compañeira sentimental do propietario, provocaron unha tensión laboral insoportábel, nun cadro de persoal xa de por si precarizado”.
A comezos de 2017 un grupo de traballadoras afiliadas da CIG deciden facerlle fronte aos abusos e acosos “desta patronal psicópata” poñendo en coñecemento da Inspección de Traballo, da inspección de maiores da Xunta, do Concello de Salvaterra e do Xulgado do Social “a situación de acoso, de excesiva carga de traballo e de absoluta falta de medios”. Domínguez sinala que xa daquela advertiron que esta situación estaba a danar gravemente a saúde física e mental das persoas usuarias e traballadoras.
“Mais o sistema machista e capitalista pasou por enriba de nós, coa colaboración de CCOO, da propia Xunta, do Concello e do Xulgado; o propietario saíu reforzado, e pagando as indemnizacións por despido que reclamabamos deu por rematada a intervención da CIG neste centro de traballo”. Segundo critica, esta problemática dáse tamén noutros centros de traballo, “e son moitos os empresarios sen escrúpulos que se lucran deste sector. A filosofía de xestión que se aplica en case todos os centros privados de coidado ás persoas é a que ben explica o señor patrón desta residencia cando di que isto é un negocio, e que cando un vello morre, a Xunta mándalle outro”.
Denuncia que todo isto sucede coa complicidade necesaria do propio Goberno da Xunta, “un Goberno responsábel e culpábel desta situación. Lembremos que despois das denuncias recentes, e tras 14 mortes no centro, Feijóo saíu ao rescate afirmando que atención nesta residencia seguía a ser a axeitada; por iso dicimos que consinte e promove o abandono e o maltrato promovendo un sistema que deixa as prazas públicas en mans de miserábeis e maltratadores”.
Para soster esta afirmación botou man dos datos: a proposta que no seu día achegara a CIG para a mellora da atención, limpeza e cociña deste centro traducíase nun cadro de persoal de 77 persoas e un prezo diario de atención de 57 euros/día por residente. “Pois ben, a Xunta paga hoxe a praza concertada entre 53 e 56 euros día/persoa incluída a residencia, atención e manutención; a ratio de persoal calculada pola Xunta é totalmente insuficiente e trampeira; non hai, nin pode haber con este custe, unha soa intervención con sanción da inspección de maiores en todo o país”.
O cadro de persoal da Residencia Geriátrica Salvatierra ronda as 50 persoas, cun gasto que non chega aos 40 euros/día por residente. “Para chegar a ese número, para sacar cartos desta miseria, para que o capital siga acumulando, hai que maltratar mulleres e desamparar a clase traballadora dependente.”
Finalmente, agradeceulle ás traballadoras que denunciaran publicamente as prácticas e as deficiencias existentes na residencia, “porque sen o seu compromiso e valentía hoxe non teriamos a oportunidade de que a nosa denuncia transcendese á opinión pública”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario