4 de nov. de 2020

PONTEVEDRA

VILABOA, MONDARIZ BALNEARIO E O GROVE, EXEMPLOS DE COMPOSTAXE PARA TODA ESPAÑA NO ‘I FORO DIXITAL SOBRE COMPOSTAXE DESCENTRALIZADA’ DE COMPOSTA EN REDE  

Os concellos pontevedreses son dos mellor situados no Estado español para cumprir a normativa europea que esixe preparar para reciclar o 50% dos residuos neste ano 2020  

Infogauda / Pontevedra

 Os ‘Concellos Revitaliza’ de Vilaboa, Mondariz Balneario e O Grove servirán hoxe de exemplo para toda España no ‘I Foro dixital sobre compostaxe descentralizada organizado por ‘Composta en Rede’. As mestras e mestres compostadores da Deputación e do Concello de O Grove serán os que explicarán a situación na que se atopan nestes momentos, sendo dos concellos mellor preparados para cumprir as esixencias da Unión Europea en materia de reciclaxe para este 2020 (o 50% da bolsa do lixo).   

 Este foro, que vai substituír o seminario anual de Composta en Rede presencial a través de compostaenred.org, celébrase para difundir información e compartir as experiencias que se foron acumulando no último ano. Sinalan dende a organización que os obxectivos fixados están moi lonxe de ser alcanzados, polo que é preciso mostrar “solucións posibles a este desafío, solucións economicamente viables, socialmente aceptables e ambientalmente válidas” como as que se están a dar na provincia de Pontevedra.   

 “A compostaxe descentralizada perfílase como unha das técnicas máis potentes á hora de reciclar parte da materia orgánica”, por iso e co gallo de incentivar os proxectos de compostaxe doméstica e comunitaria, celebraranse catro sesiónsao longo deste mes nas que se pretende motivar aos responsables políticos e técnicos doutras localidades españolas a incluír de proxectos de compostaxe en proximidade nas súas planificacións para a xestión de residuos.  

 Na xornada de hoxe pola tarde, na que participarán a técnica Estefanía Alfonsín e Agustín Vidal por parte do Revitaliza, así como as mestras compostadoras de O Grove Ana Gómez e Eva Hervés, analizaranse as ‘Experiencias municipais en compostaxe en Galicia’, engadindo tamén a visión do agrocompostaxe de Allariz. En vindeiras xornadas falarase das ‘Experiencias públicas de compostaxe’, das ‘Solucións locais a través da compostaxe, circuíto curto’ e da ‘Formación de mestres compostadores’.  

 No caso dos traballos feitos en Vilaboa, o técnico provincial Agustín Vidal explica que no ano 2019 tratáronse nos centros de compostaxe comunitaria unhas 162 toneladas de materia orgánica e restos vexetais, máis uns 400-600 m3 de fracción vexetal tratada no Monte do Cabalo, obtendo aproximadamente 35 toneladas de compost.  

 Nestes momentos o Plan Revitaliza da Deputación atende en Vilaboa a 19 grandes produtores de hostelaría e industria, ten repartidos 1.186 composteiros individuais (coin), realiza máis de 900 chamadas de seguemento e ten feitas máis de 3.900 visitas a domicilio, ademais de ter desenvolvido máis dunha trintena de eventos divulgativos, carpas, reunións, cursos, da posta en marcha dun servizo de préstamo de trituradoras e de traballar nunha nova normativa.Téñense desenvolto, así mesmo, máis de 30 actividades en centros educativos.  

 En canto á mellora dos ratios de separación, previamente o concello situábase por debaixo do 10% e agora en torno ó 30% (nun periodo de participación no programa de compostaxe aínda voluntario).   

 En Mondariz Balneario, por outra parte, Estefanía Alfonsín explicou que hai instalados e en funcionamento sete centros de compostaxe comunitaria para uso de veciñanza e produtores singulares e que o número de composteiros individuais repartidos ata o momento é de 97 unidades. Tamén subliñou que se está levando o residuo orgánico de dous grandes produtores (Hotel Balneario e colexio Marcote) e algún produtor singular que non ten centro de compostaxe próximo á planta de compostaxe de Ecocelta. Actualmente, estase facendo un estudo para a recolocación de contedores (creación de illas de reciclaxe) e posible colocación de mais contedores de fraccións reciclables. No caso das cifras de reciclaxe, é o concello mellor situado da provincia, sobrepasando ampliamente o 40% do total do lixo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario