Orpagu vén de recibir o premio á Produción da Pesca e da Acuicultura
María del Carmen Larriba felicita á organización de palangreiros guardeses Orpagu polo seu premio Alimentos de España
· A subdelegada do Goberno en Pontevedra, visitou hoxe as instalacións guardesas de Orpagu para coñecer de cerca o seu traballo e felicitar aos seus responsables polo Premio Alimentos de España 2020
A subdelegada do Goberno na súa visita ás instalacións de Orpagu, acompañada do alcalde de A Guarda, o presidente, xerente e un directivo da Organización de Palangreiros Guardeses
Infogauda / A Guarda
A subdelegada do Goberno, María del Carmen Larriba García, realizou hoxe unha visita de traballo ás instalacións da Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU.), que vén de recibir o Premio Alimentos de España á Produción da Pesca e da Acuicultura. Durante o encontro, no que a subdelegada puido coñecer de primeira man a situación da flota adicada ao peixe espada, María del Carmen Larriba estivo acompañada polo presidente de OR.PA.GU., Joaquín Cadilla, a súa xerente, Juana Ortega, e outros membros da súa directiva, así como polo alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz.
A subdelegada do Goberno quixo, en primeiro lugar, felicitar á organización “por este premio, que recoñece a traxectoria dos palangreiros guardeses, a súa aposta pola sostenibilidade e o esforzo pola diferenciación de seus produtos”. Amais de transmitir esta mesma felicitación de parte do Delegado do Goberno, Javier Losada. Os Premios Alimentos de España son uns galardóns do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación que buscan recoñecer o traballo de entidades, empresas e profesionais que se distinguen por producir e comercializar alimentos de calidade, con métodos avanzados e respectuosos co medio ambiente.
María del Carmen Larriba destacou o orgullo que supón para a provincia contar “coa primeira flota europea de palangre de superficie, punteira na pesca do peixe espada no Atlántico, e á cabeza da integración das mulleres, convertidas en armadoras nun sector tradicionalmente masculinizado”. A subdelegada subliñou tamén “o compromiso coa innovación desta organización, que soubo adiantarse ás directrices medioambientais, desenvolvendo novos sistemas de pesca que permiten reducir as capturas accidentais de tartarugas e aves mariñas, e que apostou con éxito pola comercialización da materia prima en novos formatos, como as conservas ou as hamburguesas de peixe espada”.
Durante o seu encontro a subdelegada escoitou de primeira man as demandas e preocupacións dos armadores. María del Carmen Larriba lembrou o compromiso do Goberno de España coa flota pesqueira española e co crecemento azul e subliñou a súa enorme gratitude co sector, “polo seu impecable comportamento e esforzo durante os últimos meses, especialmente naqueles momentos máis difíciles da pandemia, onde todos os membros da cadea alimentaria nos brindaron a súa mellor obra con compromiso e responsabilidade”. Así mesmo, amosouse convencida da importancia que terá o sector, en termos económicos, sociais e de emprego, na próxima recuperación.
Pola súa banda, os directivos de OR.PA.GU. presentaron unha das súas novas realizacións como é o elemento para o tratamento das tartarugas unha vez que son capturadas de forma accidental no palangre. Joaquin Cadilla Castro explicou de xeito gráfico o sistema que usaron os barcos da frota para o rescate das tartarugas, a súa liberación e a súa posterior solta no mar.
OR.PA.GU., unha organización con case 25 anos de historia
Orpagu converteuse recentemente na agrupación de buques de palangre de superficie máis importante de Europa, ao incluír entre os seus asociados a unha trintena de buques portugueses adicados, ao igual que eles, a captura do peixe espada no Atlántico. Larriba García celebrou este novo fito, que potencia a representatividade e peso internacional da actividade pesqueira da provincia.
Segundo explicaron os seus responsables á subdelegada, na actualidade a organización está a desenvolver un importante proxecto na comarca co obxectivo de ampliar a capacidade de almacenamento dos seus asociados e que redundará na fase de comercialización de peixe espada. Tamén adiantaron que o ano que vén a asociación cumprirá 25 anos e desexan celebralo. “É un cuarto de século traballando a prol da pesca e dos nosos mariñeiros e teremos que festexalo”, aseguraron.
Ningún comentario:
Publicar un comentario