18 de nov. de 2020

A GUARDA

A raíz na que se sustenta a árbore 

 


Joaquín Cadilla Castro*

 Quen fixo posíbel, a través das mans dos seus fillos e neto (Paco, Tin e Marcos), o soño de materializar en cadernas un eslabón da cultura mariñeira do noso pobo que languidecía baixo a ameaza do esquecemento, xa só vivo no fráxil pulso da memoria oral dos máis vellos. 

 Foi quen de escoitar a voz de auxilio coa frescura da xuventude, de poñer o seu talento nonaxenario ao servizo da súa derradeira construcción: o Piueiro. Foi quen de ilusionarse coa posibilidade de acariciar a quilla do que para el só era unha lembranza herdada de xeracións de carpinteiros de ribeira, só unha conversa ancorada na infancia sobre volanteiros construídos polos seus avós 

 El reactivou o zume do carballo, da acacia vermella, do piñeiro transfromándoos, na lúa exacta, no que calificou o amigo e poeta Anxo Angueira como “milagre da cultura mariñeira galega contemporánea”. 

 Hoxe a tristeza tenta abafar, sen logralo, o seu sorriso mentres centos de escolares escoitan con atención as súas conversas coa madeira; tenta borrar o seu dedo índice sinalándolles “os vicios” que debilitan as táboas; tenta calar o seu “e che” co que agardaba a complicidade de quen o escoitaba. 

 O Minxos, estará sempre con nós, navegará a bordo do Piueiro cada singladura e agradecerémoslle sempre ser a raíz sobre a que tenta agromar a árbore da cultura que trascende á profesión; que o Piueiro, aínda que fai séculos que deixou de acarrexar pescadas seguirá lembrándonos de onde vimos e quenes somos.

 

    Fotos: Santiago Baz Lomba
 

 

 ... pois si un home non pode atopar os 

máis nobres motivos para súa arte nestas 

cousas cotiás e sinxelas (…) 

non a atopará en ningures. 

Oscar Wilde

 

 Ao Minxos 

Voaba entre a carballeira como choruma 

agromaron do seu aloumiño a árbore 

conversas que aínda non escoito 

óesno dicía 

non desacougues,

 

As labras do madeiro 

liberan as cadernas que agochan 

zas zas caricia zas zas zas 

radiografía da memoria 

amou das ondas a perfección 

puílas co vento dos labios

 ffffffffvvvvvvvvffffffff …

 

Coñecín un carpinteiro de ribeira 

que surcou océanos 

no diálogo táctil coas súas naves 

a medio construir.

 



* Presidente da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro

Ningún comentario:

Publicar un comentario