3 de nov. de 2020

O ROSAL

O Concello do Rosal reducirá a taxa do lixo aos negocios que pecharon durante o estado de alarma  

· Suporá unha diminución do 25% no pago da cota

· A Corporación Municipal aprobou por unanimidade esta modificación da ordenanza municipal nun pleno extraordinario urxente celebrado este martes 3 de novembro 

 

                                               Casa do Concello do Rosal
  

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal celebrou este martes 3 de novembro un pleno extraordinario urxente para modificar a ordenanza municipal que regula as taxas de recollida do lixo co obxectivo de reducir nun 25% o pago da cota a aqueles autónomos, negocios e empresas que se viron obrigados a pechar e parar a súa actividade ao longo do ano 2020 como consecuencia da declaración do estado de alarma por mor da pandemia da Covid-19.“Fomos quen de, en momentos extraordinarios como os que estamos a vivir,  tomar tamén medidas extraordinarias para apoiar aos rosaleiros e rosaleiras dentro do ámbito competencial do propio Concello”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.   

 Con esta medida dende o Concello trátase de achegar o seu gran de area ao comercio local e ao tecido empresarial do Rosal, eximíndoos dunha parte do pago desta taxa de carácter anual ao entender que durante o peche pola pandemia non desfrutaron do servizo de recollida de lixo e doutros complementarios.  

 As persoas autónomas, negocios ou empresas interesados nesta redución da taxa deberán tramitala presentando a solicitude acompañada dunha declaración responsable de terse producido a suspensión de actividade a causa da crise sanitaria e da documentación oficial da que dispoña para acreditar esta circunstancia. 

 Esta bonificación foi posible levala a cabo despois da modificación necesaria por parte da ORAL, o órgano da Deputación de Pontevedra encargado de colaborar nos concellos na xestión, inspección e recadación de tributos locais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario