11 de nov. de 2020

O ROSAL

A ‘Explanada do Horizonte’, xa está dispoñible para desfrute da veciñanza  

· O Concello do Rosal recepcionou a obra, coa que se dotou a Portecelo dunha nova área de esparexemento  

· O proxecto foi distinguido cun dos Premios Gran de Area 2020 de Aportación á Arquitectura, do Colexios de Arquitectos de Galicia 

 

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís - a esquerda da imaxe - e a arquitecta rosaleira María Fandiño Iglesias, na ‘Explanada do Horizonte’

Foto. C.O.R.
 

Infogauda / O Rosal

 A ‘Explanada do Horizonte’ xa está lista para o uso e desfrute da veciñanza. O Concello do Rosal xa recepcionou a obra finalizada dun proxecto de reforma integral e mellora paisaxística que permitiu dotar a Portecelo dunha nova área de esparexemento e acondicionar o tramo do Camiño de Santiago pola costa que pasa ao longo do municipio. O acto de inauguración oficial desta nova zona de lecer deseñada pola arquitecta rosaleira María Fandiño Iglesias celebrarase en vindeiras datas. 

 “Para nós é un orgullo poder contar con María Fandiño neste proxecto, unha arquitecta recoñecida polo seu traballo paisaxista que está acadando numerosos premios a nivel internacional”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. Como explica a rexedora, “non podemos deixar de agradecer a implicación da veciñanza de San Xián e Portecelo, da comunidade de montes do Rosal e da traída de augas, así como do dono do petróglifo do Lapón. Sen a súa colaboración non sería posible sacar este proxecto adiante”.  

 Tras meses de intenso traballo administrativo para conseguir as autorizacións necesarias para o desenvolvemento da obra, dende esta mesma semana veciñanza pode desfrutar nesta zona dunha área de descanso, dun merendeiro, dun miradoiro e dun aparcamento. Todo acondicionado co obxectivo de poñer en valor a paisaxe, recuperar os ecosistemas da zona e rexenerar as áreas de descanso dun tramo que consta de elementos naturais que o converten nun conxunto único en Europa. 

 Neste tramo do Camiño de Santiago non existían paradas para peregrinos, polo que a ‘Explanada do Horizonte’, chea de escombros dende os anos 70, converterase dende agora nun punto neurálxico ao situarse á metade da ruta ao seu paso polo Rosal. A través deste proxecto creouse un miradoiro ao mar e á Serra da Groba e mellorouse a calidade ambiental da zona, repoboándoa con especies autóctonas, eliminado o recheo e creando novas terrazas de pedra que servirán para novos usos.  

 A ‘Explanada do Horizonte’ será unha ferramenta coa que potenciar tamén o Camiño de Santiago, xa que nela márcanse os puntos de parada onde o valor paisaxístico é maior, potenciando a repoboación de arborado e sinalizando elementos culturais situados na contorna, como o petróglifo Laxe do Lapón. 

‘Explanada do Horizonte’, Premio Gran de Area 2020 

 O proxecto de acondicionamento dos espazos públicos da ‘Explanada do Horizonte’ vén de ser distinguido cun dos Premios Gran de Area 2020 de Aportación á Arquitectura, unha aposta do Colexio de Arquitectos de Galicia para o recoñecemento do traballo de arquitectos, promotores, aparelladores e construtores nas obras e proxectos de calidade desenvolvidos nas demarcacións de Vigo, Ourense e Pontevedra. Estes galardóns recoñecen obras que axudan a mellorar a contorna e sexan expresión da cultura arquitectónica e dos valores colectivos desta sociedade e deste tempo. Dende o Concello quérese felicitar unha vez máis á arquitecta do proxecto, María Fandiño, polo gran traballo feito na revalorización e mellora deste espazo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario