A xestión da biomasa e a creación de faixas de protección, claves do plan municipal de prevención de incendios do Rosal
O Concello traballa en coordinación coas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común do municipio para a posta en marcha do plan, subvencionado ao abeiro do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra
Os técnicos do equipo redactor do plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais do Rosal presentaron o documento nunha reunión na que participaron a alcaldesa, varios concelleiros, a técnica forestal municipal e representantes das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de O Rosal, As Eiras, San Xoán de Tabagón e San Miguel de Tabagón
Infogauda / O Rosal
As directrices da estratexia de prevención de incendios forestais impulsada polo Equipo de Goberno Municipal do Concello do Rosal que preside á alcaldesa Ánxela Fernández Callís, xa están documentadas. Por esa razón, o executivo rosaleiro vén de comunicar que “os técnicos do equipo redactor do plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais do Rosal debullaron os pormenores deste documento nunha reunión mantida a semana pasada na que participaron a alcaldesa, varios concelleiros, a técnica forestal municipal e representantes das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de O Rosal, As Eiras, San Xoán de Tabagón e San Miguel de Tabagón”.
“Concello e comunidades de montes mantemos unha relación de reciprocidade nun tema tan importante como é o dos lumes. Por iso colaboramos man a man para recompilar toda a información necesaria e contar coa opinión das entidades máis acostumadas a traballar na xestión dos montes”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
O plan, que tivo un custe de 6.500 euros subvencionados ao abeiro do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra, “ten por obxectivo planificar o territorio segundo o grao de perigo que supón a súa situación actual, marcando as actuacións necesarias a desenvolver e pivotará sobre a xestión da biomasa e a creación de faixas exteriores para planificar o territorio segundo o grao de perigo que supón a súa situación actual, marcando as actuacións necesarias a desenvolver”.
Aínda que o municipio rosaleiro ten un índice baixo de incendios, cunha media de 4,7 ao ano e 5,2 hectáreas afectadas segundo os datos da Consellería de Medio Rural, “os lumes forestais constitúen unha das maiores ameazas ao sector forestal galego, un dos piares básicos da creación e mantemento de emprego no rural. Neste sentido, o plan é o documento que contén as accións necesarias para a prevención e defensa dos incendios tras unha análise da situación actual e establecendo unha zonificación do territorio como marco das directrices de actuación”.
Fontes municipais afirman que “a través deste plan defínese a rede de faixas secundarias de xestión de biomasa formadas por un conxunto de parcelas lineais do territorio estratexicamente localizadas, especialmente aquelas declaradas de alto risco, e a creación e mantemento de faixas exteriores de protección de zonas poboadas.
Xunto a estas accións, contémplase tamén a eliminación total ou parcial da biomasa forestal mediante técnicas silvícolas axeitadas para garantir o control, reducir o risco de incendio e protexer a seguridade da veciñanza”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario