O AECT RIO MINHO BUSCA UNIFICAR OS CRITERIOS DA XUNTA E O GOBERNO PORTUGUÉS PARA ACTUAR NO ESPAZO ‘REDE NATURA 2000’ DO RÍO MIÑO
Uxío Benítez urxe implantar un Plan de Xestión Transfronteirizo que remate coas diferentes interpretacións da normativa europea
A Comisión Europea vén de aprobar un proxecto para que expertos da UE realicen funcións de asesoramento e mediación
Uxío Benítez Fernández, deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT Río Minho
Infogauda / O Baixo Miño
Por que na beira portuguesa do río Miño as ecopistas están feitas de formigón e no lado galego só poden ser de xabre? Por que nunha beira hai control de aves protexidas ou de especies invasoras e na outra non? Por que un lado pode tomar auga do río para as explotacións agrícolas e o outro non? Por que nun lado se permiten recheos e no outro non? Por que dun lado se permiten actividades culturais e no outro non?
Todas estas cuestións son as que o AECT Rio Minho quere abordar coa Xunta de Galicia e os gobernos español e portugués co fin de unificar os criterios de actuación e protección do río Miño nun Plan de Xestión Transfronteirizo (PXT) común e coordinado. Para acadar este obxectivo,o AECT acaba de ver aprobada unha nova candidatura ao programa B-Solutions da Comisión Europea que permitirá que expertos asesores e consultores da UE “poñan a falar” ása dministracións e resolvan os problemas xurídicos que na práctica fan que o río Miño sexa tratado de dou sxeitos diferentes no lado galego e no portugués.
Segundo explica o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT, Uxío Benítez Fernández, o río Miño é un espazo de protección ecolóxica de ámbito europeo grazas á ‘Rede Natura 2000’ que se rexe por unha normativa europea única para todos os países membros. Sen embargo, no caso do Miño son varias as administracións (galega, española e portuguesa) que deben interpretar esa lexislación europea de protección o que, na práctica, deriva en criterios diferentes que xeran disfuncións por autorizacións máis ou menos permisivas segundo o caso.
“Non se entende a diferenza de criterios de protección entre una e outra beira do río, pero isto si ocorre. Desde o AECT queremos unha xestión xusta e coordenada do espazo fluvial natural transfronterizo, onde as barreiras políticas e administrativas nunca estean por riba do sentido común”, subliña Benítez.
O deputado lembra que calquera actuación dunha marxe repercute na outra e que a disparidade actual de criterios está a crear problemas ambientais e socioeconómicos co río de fondo. “Temos un espazo de grande valor identitario, cunha protección máxima pola súa singularidade en canto á paisaxe, á flora e á fauna, que podemos desenvolver co ecoturismo. O río é estratéxico para o desenvolvemento de toda a área transfronteiriza e hai que coidalo con criterios coordinados”, insiste o deputado nacionalista.
Axentes políticos, económicos e sociais
Con ese obxectivo, o AECT acaba de ver aprobado o proxecto ‘Minho River Nature 2000 - Boosting Cross–Border Multi-level Governance-Natureza do río Minho 2000 - Impulso da gobernanza multinivel transfronteiriza’, que se presentou hai meses como candidatura do AECT RIO MINHO ao programa B-Solutions da Comisión Europea.
Coa aprobación deste proxecto a Comisión Europea (DG Regio) porá a disposición do AECT do Rio Miño unha persoa experta para asesorar na formulación de propostas ás administracións galegas, españolas e portuguesas competentes e concorrentes no territorio do val transfronteirizo do río Miño co fin de superar os obstáculos que actualmente impiden a planificación conxunta.
O Plan de Xestión Transfronteiriza do Río Miño-Rede Natura deberá acadar obxectivos a curto, medio e longo prazo, contando coa participación de entidades portuguesas e galegas, desde a administración e o mundo académico ata particulares e organizacións de toma de decisións, en forma de proxectos conxuntos que fomenten a conservación dos valores á vez que catalizan a súa valorización social e económica.
Deste xeito, márcase como tarefas a curto prazo a constitución dun grupo de traballo responsable da preparación do PXT e a coordinación xeral de accións e proxectos específicos; o desenvolvemento e implementación de plans de acción transfronteirizos para hábitats e especies máis vulnerables ás presións ambientais actuais, emerxentes ou futuras; o desenvolvemento de cartografía detallada e harmonizada de valores e unidades xestión en toda a área Natura 2000; e a adopción de obxectivos comúns de xestión, a identificación de conflitos e harmonización da normativa, principalmente.
Neste contexto, o marco institucional para apoiar a implementación do plan de xestión transfronteirizo da Rede Natura 2000 poderá implicar non só a entidades asociadas á administración pública central, nacional e local de Portugal e España (Instituto Conservação da Natureza e Floestas - ICNF -; Axencia Portuguesa de Medio Ambiente - APA; Confederación Hidrográfica do Miño-SIL - CHMS-; Xunta Galicia), senón tamén ao ámbito académico, organizacións non gobernamentais para o medio ambiente (ONG), o tecido empresarial local, asociacións e cooperativas de desenvolvemento local e todas as persoas cuxo interese e habilidades poden contribuír activamente á sustentabilidade do sistema.
Tamén será importante asociar esta iniciativa coa estratexia rexional da paisaxe de Galicia e a súa relación coa estratexia da paisaxe de Portugal, cuxo alcance e visión de mellora da paisaxe son moi diferentes, dando lugar a oportunidades de replicar a estratexia galega no lado do val do Miño portugués.
Ningún comentario:
Publicar un comentario