26 de nov. de 2020

MOBILIDADE

Os ‘concellos Agora' da provincia implementarán de maneira inminente a sinalización de 30 km/h  

O deputado Uxío Benítez destacou hoxe na reunión de traballo con representantes de 43 municipios que en zonas de convivencia de coches e peóns a velocidade deberá reducirse ata os 10 km/h 

 

Captura de pantalla do encontro telemático do deputado de Mobilidade e Espazo Público, cos representantes de 43 - de un total de 49 - concellos adheridos á Rede Ágora

 

Infogauda / Pontevedra

  Os ‘Concellos Ágora' da provincia pasarán a seguir os principios das ‘Cidades 30' de xeito inmediato. Así o manifestou o deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez Fernández, que hoxe presidiu unha reunión de traballo para implementar o cambio de sinalización da velocidade dos núcleos urbanos das vilas da provincia a un máximo de 30 quilómetros por hora.

  O encontro, segundo as palabras do deputado nacionalista, foi "un rotundo éxito" posto que contou coa participación de 43 dos 49 municipios adheridos á ‘Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público' e de 75 persoas entre alcaldes, alcaldesas, concelleiros e concelleiras e persoal técnico.

  Sobre a mesa estaba a organización e a implementación das ‘Cidades 30', é dicir, a limitación da velocidade a 30 kilómetros por hora en todas as rúas dos núcleos urbanos dos municipios, cuestión xa respaldada e obrigada a medio prazo polo novo Regulamento de Circulación da Dirección Xeral de Trafico. O deputado destacou que aínda que a nova lei entrará en vigor o 11 de maio "nós queremos ir por diante e cambiar de inmediato".

  Alén diso, o deputado subliñou que coa adhesión á Rede Ágora os concellos comprometéronse de facto a ir un paso máis alá: a que todas as plataformas únicas de convivencia de coches e peóns teñan unha velocidade de máximo 10 kilómetros por hora, dando cumprimento ao principio número 6 do ‘Decálogo Ágora', referido aos espazos seguros. Insistiu en que este principio é especialmente importante e sensible nas contornas escolares, polo que instou aos Concellos a modificar as ordenanzas de mobilidade e incluír esta velocidade de forma específica.

  "A nova lei di 20 km/h para zonas de convivencia, pero nós defendemos os 10 km/h e aspiramos a que a futuro se recolla tamén así na normativa. Queremos simplificar e que nas nosas vilas só teñamos 30 e 10 de velocidades máximas", destacou.

  O responsable de Mobilidade da Deputación tamén subliñou que é moi importante que os concellos comecen a efectivizar e a visualizar de inmediato que son ‘espazos a 30' e nas plataformas únicas máximo a 10, motivo polo que puxo a disposición dos concellos ao persoal técnico de Ágora, e tamén o da Rede de Cidades que Camiñan, á que está adherida a Deputación.

  Foi a propia secretaria técnica de Cidades que Camiñan, Ana Montalbán, a que fixo unha explicación polo miúdo sobre en que deben consistir as ‘Cidades 30' e cales deben ser os pasos para chegar a elas. Destacou que a rede colaborará con todos e cada un dos concellos da provincia para realizar a nova sinalización e tamén campañas de divulgación adaptadas.

  O encontro de hoxe foi o primeiro da ‘Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público', unha iniciativa da Deputación que xa conta con 49 concellos adheridos e que ten como obxectivo implementar o espazo público para as persoas na provincia no horizonte de 2023. "Ademais de ter unha filosofía importante, con Ágora queremos resultados medibles e cuantificable, que en 2023 poidamos dicir que na provincia se aumentaron equis metros cadrados de superficie ou unha porcentaxe de espazo destinado ás persoas, e demostrar que o modelo de recuperación do espazo público é adaptable a calquera vila, cidade ou concello", insistiu.

  Neste sentido, Benítez lembrou que existe "un escenario interesante de inercias globais" que favorece a recuperación do espazo público. Citou a aposta da Unión Europea na loita contra o cambio climático, e subliñou que se darán oportunidades e axudas de financiamento para proxectos de recuperación de espazos para a mobilidade natural, polo que anunciou que a Deputación estará do lado dos concellos para acadar fondos europeos cos que facer obras, ademais de proporcionar fondos provinciais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario