Este Nadal a Deputación de Pontevedra levará o teatro aos fogares de toda a provincia con "Prendendo Butacas na Casa"
A Deputación reinventa o proxecto con oito representacións teatrais en formato en liña que se poderán ver na web institucional
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, na rolda de prensa de presentación do programa teatral
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra mantén o seu apoio decidido ao sector cultural e para elo reconverte o seu programa teatral "Prendendo Butacas" á versión en liña, "Prendendo Butacas na Casa". Co mesmo obxectivo, a institución lanza "Pontevedra Plató de Cinema", unha nova iniciativa de mecenado que este mesmo ano patrocina catro películas. "Seguimos apoiando a cultura feita en Galicia e na nosa provincia", destacou a presidenta, Carmela Silva.
A presidenta presentou estes dous proxectos como un complemento ao programa Re-Acción Cultural, lanzado pola Deputación este verán para apoiar ao sector no momento máis crítico da pandemia, e subliñou a necesidade de "reinventar" a colaboración institucional co noso teatro e o noso cinema "co ánimo de apoiar á xente da cultura para que poida seguir vivindo".
O principal cambio chega con Prendendo Butacas na Casa, a adaptación do programa Prendendo Butacas, que inclúe oito representacións en liña "para un Nadal que este ano vai ser diferente e con reunións e festas restrinxidas", destacou. Así, diante das circunstancias provocadas pola pandemia, as compañías gravarán as súas funcións e farán posible un programa teatral de Nadal en "streaming" a través da páxina web da Deputación www.depo.gal. "Así que non imos apagar as luces, senón que levamos o teatro ás casas das máis de 950.000 persoas que viven na nosa provincia, que non terán necesidade de desprazarse", remarcou a presidenta.
As 8 obras estarán dispoñibles dende o 24 de decembro ao 3 de xaneiro, e cada unha poderá visionarse durante 24 horas. Carmela Silva destacou o compromiso coas compañías e os profesionais do teatro, cos que había datas acordadas dende hai meses. "Había que estar con eles nestes momentos en que tanto o precisan", afirmou.
O programa Prendendo Butacas na Casa arranca o 24 de decembro coa representación da obra Rosalía a cargo da compañía Cooperactiva. No día de Nadal, 25 de decembro, estará dispoñible a obra Camiños, de Butaca Zero. O día 26 será a quenda de Ibuprofeno Teatro, que representará O mel non caduca. Xa o 27 de decembro poderá verse a obra Afterparty, da compañía A Feroz. O teatro volverá o día 30 de decembro con Fíos, a cargo de Baobab Teatro. A xornada da Noitevella está reservada para A maleta de Don Atilio, de Viravolta Títeres. O 2 de xaneiro chegará A Galiña azul, de Tanxarina Títeres. E finalmente, o 3 de xaneiro pecha o ciclo con Os Tres Porquiños, en representación a cargo de Educa Teatro.
Pontevedra, Plató de Cinema
O cinema feito na provincia de Pontevedra ten tamén un oco destacado no impulso cultural da Deputación. "Este foi un ano moi complicado para o sector, que viu adiadas ou suspendidas moitas rodaxes", explicou Silva, "así que consideramos importante impulsar proxectos que fixeron o esforzo de seguir adiante nun momento tan crítico". Nace así a iniciativa "Pontevedra Plató de Cinema", que xa neste 2020 patrocina catro producións. Carmela Silva engadiu que a Deputación axuda tamén ao circuíto de difusión coa súa estreita colaboración cos festivais de cinema a través da marca común #RiasBaixasFilmFest.
As catro películas cofinanciadas pola Deputación son:
Nación, o filme de Margarida Ledo, producido por Nós. Un proxecto audiovisual centrado no traballo industrial das mulleres. A cinta foi premiada no Festival Internacional de Sevilla, á Mellor Dirección da película do Estado e ven de recibir o Premio Cineuropa "pola súa infatigable loita pola memoria e o rol feminino na historia do noso país". O guión de Nación é unha homenaxe á historia industrial da nosa provincia e unha posta en valor do rol feminino nas fábricas. Enmarcada no que a directora denomina "cinema de xénero", ten como fin reflexionar sobre a relevancia da muller no sector industrial e sobre a aprendizaxe da sororidade, visibilizando unha época, dende a memoria da represión franquista ata as mulleres formadas de arestora.
9 Fugas, a ficción producida por Xas Films, está dirixida polo vigués Fon Cortizo. Encadrada no xénero do musical, explora dun xeito experimental o proceso de produción cinematográfica, alén de indagar na memoria perdida, nas quebras dos recordos e no oculto e descoñecido. As localizacións de rodaxe espállanse por Vigo, Redondela, Nigrán, Tui, Vilaboa, Cangas e Moaña.
Negro púrpura é unha película de carácter documental (longametraxe) sobre un fungo que nace no centeo e que tivo moita importancia na primeira metade do século XX en Galicia, presentado pola produtora Illa Bufarda, dirixida por Adriana P. Villanueva e Sabela Iglesias.
Devolvendo o Golpe,
a última das producións que contan co patrocinio da Deputación, é un
documental de 50 minutos coa sinatura de Carlos Prado Pampín e producido
por Trece Amarillo. Está rodado integramente na comarca do Morrazo e o
guión versa sobre a historia de superación do marinense Aarón González
(Aarón Thunder). O audiovisual propón unha dobre ollada: a do
protagonista e á da súa nai, Rosa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario