26 de nov. de 2020

PONTEVEDRA

O Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este venres recursos, por case 2,7 millóns de euros, para cinco concellos da provincia  

Tomiño, A Cañiza e Vilagarcía de Arousa beneficiaranse de case medio millón de euros do Plan Concellos 2020

 

               A presidenta da Deputación de Pontevedra na rolda de prensa de hoxe

Infogauda / Pontevedra

  A Deputación de Pontevedra aprobará este venres novos recursos, por valor de case 2,7 millóns de euros, para os concellos de Tomiño, A Cañiza, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo. En concreto, os tres primeiros recibirán 440.686 euros da liña 1 do Plan Concellos a través dos que realizarán reformas urbanas, mellorarán infraestruturas e adquirirán novos equipamentos. Pola súa banda, as cidades de Pontevedra e Vigo beneficiaranse de 2,24 millóns de euros, 1,6 millóns de euros para executar o campo de fútbol de Salcedo en Pontevedra e 616.000 € para as cubertas dos patios do CEIP Balaídos e Pintor Laxeiro de Vigo.

  Tomiño recibirá dúas achegas de máis de 375.000 € da Deputación. Así, destinaranse 261.574 euros para a integración do campo da feira no espazo público peonil do Seixo entroncando coa rúa Gondomar de xeito seguro para as/os peóns. Neste eido, a presidenta, Carmela Silva, aproveitou a ocasión para poñer en valor o grande avance impulsado por Tomiño "na creación de espazos públicos para as persoas con recursos e investimentos da Deputación". Amais, mediante outra achega de 115.092 € destinada á mesma vila tamén se vai equipar e reformar a cuberta do auditorio de Goián.

  No caso da Cañiza, os recursos da Deputación ascenden a 60.000 € que permitirán á vila adquirir unha motoniveladora para manter as vías muncipais. "Sen os recursos provinciais–asegurou a presidenta - os concellos non poderían adquirir estes elementos fundamentais para a prestación de servizos públicos de calidade". Finalmente ata Vilagarcía irán 4.018 euros, procedentes da baixa dunha adxudicación, para o campo de fútbol de Vilaxoán.

Convenios Pontevedra e Vigo

  Xa fóra do Plan Concellos, que non afecta ás cidades de Pontevedra e Vigo, a Xunta de Goberno aprobará tamén este venres convenios cos dous concellos para executar actuacións que ascenden a 2,24 millóns de €. No que respecta a Vigo trátanse de 616.000 € dos que a Deputación, tal e como informou a presidenta, achegará 600.000 € e o concello 16.000 €, e permitirán construír estruturas cubertas nos centros educativos de Balaídos e Pintor Laxeiro. "Trátase dunha grande demanda dos centros educativos, que debería facer a Xunta de Galicia que é a que ten competencias nesta materia pero que como non o fai son os concellos os que se fan cargo", asegurou.

  No que respecta a Pontevedra, o convenio entre a Deputación e o goberno local ascende a 1.621.644,44 € dos cales a institución provincial financia a súa totalidade. Con estes recursos executarase un novo campo de fútbol de herba artificial en Salcedo, construíndo tamén, tal e como detallou a presidenta, novas edificacións para vestiarios, aseos, cantina, enfermería e almacéns, así como bancada e outra estrutura complementaria para almacén de bicicletas e aula de natureza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario