NOVEMBRO CON TAIBO
Victoriano Taibo, 2020
IEM / Gondomar
Hai doce anos que a Entidade Menor de Morgadáns iniciou co IEM o Certame de Poesía Victoriano Taibo; e hai catro que este premio forma parte das actividades culturais do Concello de Gondomar en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns. Foi unha decisión dolorosa dos responsables destas institucións suprimir a convocatoria do Premio Victoriano Taibo neste ano de pandemia 2020.
O grupo de traballo PUGA (Promoción do Uso do Galego), integrado no IEM, que hai dous anos celebrou a Semana Poética Victoriano Taibo enchendo de poemas os balcóns de Gondomar, non quixo que unha das figuras máis relevantes do Val de Miñor quedase silenciado este ano. Taibo, a máis de ser o mestre de Morgadáns durante vinte anos (1930-50), foi fundador das Irmandades da Fala e Académico da Lingua Galega. Nas súas reflexións deixounos esta encomenda: “A misión do literato galego é devolver ó seu país a súa propia fala, todo o arrequentada que se queira, con todos os neoloxismos e tecnicismos que a ela lle conveñan; pero limpa e escorreita, axeitada para as xurdias angueiras do sentimento e do intelecto”. Este é un dos obxectivos do grupo PUGA que nos leva a organizar o programa Novembro con Taibo que hoxe presentamos.
Catorce foron as obras premiadas nos doce anos do Certame de Poesías Victoriano Taibo, seleccionadas entre centos de concursantes. A calidade dos catorce libros editados polo IEM, obríganos a editar este ano unha serie de vídeos poéticos que difundan, cos novos medios de comunicación, unhas mostras da literatura que pedía Taibo para a nosa lingua, expresión de sentimentos e pensamentos propios.
Estamos en contacto con moitas persoas afectadas pola complexa situación actual. Pasará a pandemia e o noso futuro seguirá dependendo de nós e do patrimonio que fomos capaces de conservar vivo. Boa parte dese patrimonio é a nosa lingua galega cultivada por todos os falantes e de xeito singular polo colectivo de poetas que hoxe nos acompañan para esta homenaxe a Victoriano Taibo.
Desde o San Martiño ata o Santo André celebraremos este Novembro con Taibo como unha oportunidade de ir dándolle corpo interior a este Val de Miñor que queremos cada día máis artellado como unha célula de universalidade como nos aprendeu Victoriano Taibo e os mestres xa centenarios da Xeración Nós.
Novembro con Taibo arrancará hoxe coa presentación deste evento e a partir de mañá, 11 de novembro, cos recitais diarios dos catorce poetas premiados ao longo destes anos no Victoriano Taibo.
Mércores, 11/11/20 Carlos Negro (2008)
Xoves, 12/11/20 Carmen Caramés (2009)
Venres, 13/11/20 Elvira Riveiro (2009)
Luns, 16/11/20 Silvia Penas (2009)
Martes, 17/11/20 María Goretti Fariña (2010)
Mércores, 18/11/20 Calros Solla Varela (2011)
Xoves, 19/11/20 María Concepción Álvarez Lebredo (2012)
Venres, 20/11/20 Ramón Sandoval Pérez (2013)
Luns, 23/11/20 Lara Rozados Lorenzo (2014)
Martes 24/11/20 Iñaki Varela Pérez (2015)
Mércores, 25/11/20 Xosé Iglesias Lamela (2016)
Xoves, 26/11/20 Rafa Vilar (2017)
Venres, 27/11/20 Laura Ramos Cuba (2018)
Luns, 30/11/20 Fran Davila (2019)
Ningún comentario:
Publicar un comentario