10 de nov. de 2020

GALIZA

A CIG promoverá unha Iniciativa Popular por un Sistema Público Galego de Atención ás Persoas 

A campaña arredor desta iniciativa lanzouse esta mañá con concentracións en todas as cidades galegas 

 

                 Na imaxe unha das concentracións desenvolvidas na mañá de hoxe

Infogauda / Galiza

A CIG lanzou esta mañá -con concentracións nas sete cidades galegas- a campaña na que se enmarca a Iniciativa Popular en demanda dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas que promoverá nas próximas semanas. Así o anunciou, na concentración celebrada en Compostela, o secretario xeral, Paulo Carril, quen considerou que “a crise sanitaria derivada da pandemia da COVID-19 puxo máis de manifesto que nunca a necesidade de pór os coidados na prioridade das políticas públicas” e, polo tanto, “a urxencia de investimento público en servizos de atención ás persoas”. 

 Carril explicou que a proposta dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas será levada ao Parlamento a través dunha Proposición non de Lei de Iniciativa Popular –para o que se require recoller 2.500 sinaturas-  que poderá ser asumida por calquera grupo parlamentar para levala a pleno ou comisión.  

 O secretario xeral da CIG lembrou que a central sindical leva anos denunciando a situación, tanto laboral como asistencial, das Residencias da Terceira Idade, dos Centros de Día, dos Centros de Atención á Diversidade ou dos Servizos de Axuda no Fogar, entre outros. Servizos que, denunciou, “o goberno do PP na Xunta vén desmantelando e privatizando para facer deles un novo negocio a costa das persoas máis vulnerábeis”.  

 Neste sentido asegurou que a crise sanitaria evidenciou a “ineficacia da prestación dos servizos de atención social e de coidados por parte de empresas privadas”, mais tamén as carencias de persoal e material, a falla de protocolos homoxéneos de funcionamento, os abusos patronais e os importantes niveis de explotación e precariedade existentes tanto nos servizos de axuda no fogar como nas residencias da terceira idade e de persoas con discapacidade. Explotación e precariedade que, apuntou, “teñen unha compoñente de xénero”.  

Servizos públicos: a única garantía

Carril considerou que os servizos públicos “son a única garantía para unha atención digna ás persoas de idade, e ás persoas dependentes ou con diversidade funcional” e demandou a súa asunción directa por parte da Administración Pública Galega. “Non é de recibo, e supón unha auténtica barbaridade, que os coidados e a saúde destas persoas vulnerábeis sigan gardando relación cos beneficios e flutuacións en bolsa dos fondos de investimento, multinacionais ou fondos voitre que están detrás das concesionarias destes servizos públicos”, denunciou.  

 Xunto a isto explicou que estas reivindicacións “son a resposta urxente e xusta ante a necesidade de afrontar unha das manifestacións máis visíbeis da realidade galega: crise demográfica, aumento constante da poboación maior, elevada dispersión dos núcleos de poboación (maioritariamente de idade avanzada), e precaria capacidade adquisitiva das pensións públicas, especialmente no caso das mulleres”.  

Xestión directa 

 A CIG defende a xestión directa polas Administracións Públicas de todos os servizos públicos. Os recursos e servizos sociais de atención ás persoas teñen que deixar de ser unha actividade socialmente pouco valorada e con condicións de traballo precarias, para pasar a ser considerados servizos esenciais para a cidadanía a prestar pola Administración Pública en condicións de calidade asistencial para as persoas e con condicións de traballo dignas e estables para o persoal encargado dos coidados.  

 Por iso, na súa proposta dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, integrado por unha única rede pública, contempla a prestación dos seguintes servizos:  

· Centros asistenciais e residenciais da terceira idade 

· Centros de día Centros de atención á diversidade 

· Servizos de Axuda no Fogar 

· Outros recursos: Casas Niño, Casas do/a Maior, Xantar na Casa, Transporte Adaptado... 

· Estes servizos estarán dotados suficientemente tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos.

· Dignificaranse as condicións laborais e salariais de todo o persoal coa aplicación do mesmo convenio colectivo. 

· Nomeadamente, incorporaranse a esta rede pública todos os actuais Servizos de Axuda no Fogar (SAF) e iniciarase a negociación cos axentes sociais dun convenio colectivo único que recolla unhas condicións laborais e salariais dignas. 

· Na prestación de servizos ás persoas beneficiarias, priorizarase a atención a través desta rede de recursos públicos, antes que as axudas económicas. 

· Eliminaranse todo tipo de repagamentos na atención e coidados, mediante a aprobación dunha carteira de servizos e prezos públicos. 

· Incrementaranse e adecuaranse os orzamentos públicos destinados a este fin, así como aqueles dirixidos á promoción da autonomía persoal e o envellecemento activo. 

· Exixirase a transferencia para Galiza de todas as competencias e recursos públicos para desenvolver, aplicar e ampliar a Lei de Dependencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario