20 de nov. de 2020

GOIÁN (TOMIÑO)

Comezan as obras para a reforma urbana do núcleo de Goián  

O proxecto procurará recuperar os espazos públicos do centro da vila para o seu uso social, da mesma forma que se fixo no Seixo

 

    Infografía do aspecto que terá, unha vez rematada, a intervención prevista no proxecto “Máis Goián”

     Fonte: Concello de Tomiño
 

Infogauda / Goián

 O Equipo de Goberno do Concello de Tomiño, que preside á alcaldesa Sandra González Álvarez, vén de comunicar que nos próximos días porase finalmente en marcha unha nova fase das obras de reurbanización do núcleo urbano de Goián, no concello de Tomiño. A execución implicará actuacións no entorno da Praza Pintor Antonio Fernández e nun tramo da Avenida Ordóñez.  

 A intervención está encadrada dentro do proxecto “Máis Goián”, un proxecto de reconfiguración e recuperación dos espazos públicos que vén impulsando nos últimos anos o Concello de Tomiño, en coordinación con outras administracións públicas. No marco deste proxecto tense actuado na recuperación da carballeira e conectando e ampliando o colexioe a alameda. “O que intentamos é apostar por crear lugares de encontro, recuperando espazos para as persoas fortalecendo e modernizando tamén o núcleo urbano de Goián, da mesma forma que fixemos no Seixo”, declara a alcaldesa, Sandra González.  

 A finalidade do proxecto é crear un lugar de encontro que sexa o centro neurálxico da vida social de Goián e para iso, a través da reestruturación do espazo público, pretende conectar os equipamentos públicos existentes na vila: a igrexa de San Cristovo, a Aula-Museo Antonio Fernández, o Mercado de Goián, o CEIP Antonio Fernández, a escola infantil, o pavillón, a Escola de Música, o campo de fútbol do Regatiño, o Consultorio Médico ou as vivendas indianas, entre outros. Con isto preténdese facer do núcleo urbano un lugar atraente e seguro para o uso peonil e ciclable, pondo en valor a arquitectura e os elementos patrimoniais existentes e introducindo vexetación que o faga máis humano e agradable.  

 O ámbito de actuación será de 7.000 m2, dos cales 2.200 serán zonas verdes e arbóreas, introducindo 115 novas árbores de distintas especies. Tamén está contemplada a demolición de varias naves na contorna da praza para ampliar o espazo público e mellorar as perspectivas da igrexa de San Cristovo. Aproveitarase a intervención para renovar tamén as instalacións urbanas, mellorando a iluminación, modificando a rede de saneamento, soterrando as canalizacións de telecomunicacións ou dotar as zonas verdes de rego automático, entre outras.  

 A obra está cofinanciada polo Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) a través do fondo FEDER de crecemento sostible por un importe total de 999.521,40 euros,adxudicada á empresa Xestión Ambiental de Contratas, S.L.. O obxectivo das subvencións proporcionadas polo IDAE é apoiar actuacións que fomenten o abandono dos vehículos de combustión, contribuíndo deste xeito a reducir as emisións de CO2.  

 Nas próximas semanas está previsto tamén que saia a licitación a o proxecto de creación dunha pista polideportiva e un parque de patinaxe na zona comprendida entre o auditorio e a alameda de Goián. Nas últimas actuacións realizadas habilitáronse preto da contorna do CEIP Pintor Antonio Fernández dous estacionamentos, un de 40 prazas e outro de 30, e preto da carballeira habilitarase proximamente outro con capacidade para 120 vehículos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario