A Xunta de Galicia colabora na exposición ‘Afonso X e Galicia’, no 800 aniversario do seu nacemento
A mostra, impulsada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Consellería de Cultura, a Deputación de Ourense e a USC, explora a faceta humana e intelectual, así como a conexión de Afonso X con Galicia
A exposición abrirá ao público na igrexa da Universidade en Santiago de Compostela entre o 12 de xaneiro e o 24 de abril, e a primeira das súas itinerancias será Ourense, no Centro Cultural Marcos Valcárcel
Infogauda / Santiago de Compostela
A Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade colabora co Consello da Cultura Galega, a Deputación de Ourense e a Universidade de Santiago de Compostela na exposición Afonso X e Galicia, con motivo do 800 aniversario −que se cumpre hoxe mesmo− do nacemento dunha das figuras máis relevantes da cultura europea e, particularmente, das letras hispánicas do seu tempo.
O proxecto expositivo en torno á figura deste monarca foi presentado esta mañá nun acto presidido pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, que estivo acompañada do secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo; do presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar; do comisario da exposición, Antoni Rossell; e da secretaria do Consello da Cultura, Dolores Vilavedra. A mostra afonda na faceta humana e intelectual do monarca, así como na súa conexión con Galicia.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, ademais da colaboración institucional, destacou a importancia deste proxecto expositivo “que poñerá en valor a importante relación do monarca con Galicia, que ten unha das súas expresións nas Cantigas de Santa María, unha das obras da lírica medieval máis senlleiras redactadas en lingua galega”. Pola súa banda, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, apuntou que esta mostra procura poñer en valor todo o patrimonio galego vinculado coa monarquía afonsí.
A exposición está aberta ao público na Igrexa da Universidade en Santiago de Compostela entre o 12 de xaneiro e o 24 de abril, e a primeira das súas itinerancias será Ourense, no Centro Cultural Marcos Valcárcel (Ourense).
O relato expositivo
estará en galego, inglés e castelán e permitirá achegarse á complexa e
poliédrica figura de Afonso X, ás Cantigas de Santa María, como
testemuño visual e sonoro da Idade Media galega e europea, aos
instrumentos e á cultura galega da época.
Ningún comentario:
Publicar un comentario