O REVITALIZA PODERÍA APROVEITAR CADA ANO ATA 60.000 TONELADAS DE BIOMASA FORESTAL RESIDUAL PARA MINGUAR OS LUMES FORESTAIS NOS MONTES DA PROVINCIA
O asesor de residuos Carlos Pérez participou hoxe nunha ‘webinar’ do Instituto Tecnolóxico de Galicia e a Asociación Forestal Galega para falar das potencialidades da compostaxe na xestión do monte
Captura de pantalla da ‘webinar’ celebrada hoxe
Infogauda / Pontevedra
O Revitaliza podería chegar a aproveitar cada ano 60.000 toneladas de biomasa forestal residual para minguar a posibilidade de propagación dos lumes forestais nos montes da provincia. Así o indicou hoxe o asesor de residuos da Deputación de Pontevedra, Carlos Pérez, na súa participación nunha ‘webinar’ organizada polo Instituto Tecnolóxico de Galicia e a Asociación Forestal Galega.
Pérez defendeu a hipótese de que sería posible establecer mecanismos de relación entre o programa de xestión de residuos orgánicos da Deputación e a prevención de lumes forestais. Segundo dixo, a necesidade de material leñoso (estruturante) que se necesita na compostaxe estase a cubrir a día de hoxe coa poda de arborado urbano e de elementos privados, mais “poderíase afectar a masa forestal de cada concello sen entrar en competencia co negocio da biomasa madeirable”. Deste xeito, explicou, minguaría a posibilidade de propagación do lume, xa que se detraería material do monte potencialmente perigoso para arder.
Pérez puxo números sobre a mesa e explicou que na provincia de Pontevedra a fracción orgánica dos residuos municipais de máis dun terzo da poboación podería ser tratada por medio de composteiros individuais, outro terzo a través de centros de compostaxe comunitaria, e outra décima parte por pequenas plantas comarcais, chegando a poder tratar no local ou no próximo os biorresiduos de máis do 80% da poboación.
Tendo isto en conta, e extrapolando os datos de produción de lixo orgánico de 2019, anualmente poderían chegar a tratarse mediante a compostaxe do Revitaliza ata 144.000 toneladas de biorresiduos domésticos na provincia. Este volumen de orgánicos precisaría da orde de 60.000 toneladas de triturado de material leñoso residual para poder iniciar o proceso de compostaxe.
“O Revitaliza é un potencial aliado contra os lumes forestais”, subliñou, explicando así mesmo que é preciso analizar fondamente de que maneira se podería establecer a simbiose a través das administracións, xa que só o 2% da extensión forestal galega é pública, o 32% está en ‘man común’ e o 65% é privada.
Pérez puxo todos estes datos sobre a mesa na xornadade ‘Presentación de ferramentas de avaliación do recurso forestal e plansmunicipais de defensa contra incendios’ organizada aoabeiro do proxecto GEFRECON de ‘Xestión Forestal conxunta para prevención de incendios forestais en territorio POCTEP’, cofinanciado con fondos europeos a través do programa Interreg V-A España-Portugal.
Segundo explicaron dende a organización, as xornadas do proxecto GEFRECON tiñan como obxectivo “poñer en marcha accións innovadoras que permitan reducir o risco de incendios forestais mediante o desenvolvemento e implementación de plans conxuntos, a sensibilización da poboación, a información e formación en autoprotección e a promoción da creación de empresas forestais”, un eido no que incluíron ao Revitaliza.
Estas xornadas do Instituto Tecnolóxico de Galicia e a Asociación Forestal Galega volverán repetirse en formato en liña cos mesmos relatores de hoxe o vindeiro venres 27 e o luns día 30 de 10 a 11.45h da mañá. A inscrición é gratuíta e pode formalizarse en https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdY6QGXv6qQJPO8C_vXsyR9n26-aCTSWLmiuwVuZxv1E6I0tg/viewform.
Ningún comentario:
Publicar un comentario