20 de nov. de 2020

COOPERACIÓN TRANSFRONTEIRIZA

ARXENTINA E URUGUAI TOMAN COMO EXEMPLO O MIÑO E O RIN PARA MELLORAR A XESTIÓN TRANSFRONTEIRIZA DO RÍO URUGUAI  

O Comité para o Desenvolvemento da Conca do Río Uruguai (CCRU) cualifica o AECT Rio Minho como unha das “principais experiencias europeas de integración transfronteiriza”    

O deputado Uxío Benítez explicou hoxe no seminario en liña do ‘X Aniversario do CCRU’que “malia súa curta idade o AECT Rio Minho está a ser referente institucional na defensa do territorio miñoto”  

 

Uxío Benítez, deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT Rio Miño, no seminario técnico celebrado hoxe

  

Infogauda / O Baixo Miño

 Arxentina e Uruguai puxeron hoxe o río Miño e o río Rin como exemplos a seguir para mellorar a xestión transfronteiriza do río Uruguai. Así se destacou no seminario técnico do ‘X Aniversario do Comité para o desenvolvemento da Conca do Río Uruguai’ (CCRU), que contou coa participación do deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT Rio Miño Uxío Benítez Fernández para explicar as características do agrupamento transfronteirizo miñoto.  

 Dende o CCRU cualificaron o AECT do Miño como “unha das principais experiencias europeas de integración transfronteiriza” das que tomar conta. Puxeron o modelo de xestión do Miño, de 315 kilómetros e conca compartida entre dous países, á altura de experiencias como a da xestión conxuntado río Rin, a conca fluvial máis utilizada na Unión Europea, considerada a súa espiña dorsal por atravesar Suiza, Austria, Liechtenstein, Alemania, Francia e Países Baixos. Os referentes xermano e galego foron os únicos de nivel internacional que se explicaron no evento, no que se afondou sobre esforzos dos gobernos locais e os organismos de integración binacionais e rexionais da zona por plasmar a integración transfronteiriza entre Arxentina e Uruguai.  

 O deputado Uxío Benítez, destacou que o Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Miño ten unha curta vida –naceu en 2018-, “mais xa está a ser referente institucional claro na defensa e xestión do territorio miñoto”. Neste sentido, subliñou que foi a institución que se puxo á fronte das necesidades dos concellos ribeiráns en momentos chave como o peche de fronteiras entre España e Portugal por mor da COVID, reclamando a súa apertura. Taménl embrou que está atraballar–entre outros obxectivos- para acadar unha unidade de criterios da Xunta e o goberno portugués á hora de aplicar a normativa europea no espazo ‘Rede Natura 2000’ do Miño, iniciativa para a que obtivo financiamento europeo. 

 

                          Captura de pantalla con varios dos participantes no evento
 

 O nacionalista destacou que o AECT supón un modelo de xestión administrativa, “un instrumento privilexiado de cooperación”, que coñece de primeira man e de maneira local, as necesidades dun territorio común a pesares de estar dividido administrativamente entre os estados español e portugués.   

 Segundo explicou o deputado Benítez, o AECT Rio Minho, ademais, é un medio xurídico que permite optar e xestionar fondos europeos de xeitoáxil, promover e organizar accións de cooperación do territorio de forma directa, así como servir de foro estable sobre o río Miño. Subliñou, así mesmo, que consta dunha estratexia de actuación coa vista posta no 2030.  

 Esa ‘Estratexia Río Miño 2030’, lembrou Benítez, foi elaborada cunha metodoloxía participada a través de consultas á cidadanía, da organización de mesas sectoriais, a implicación das entidades públicas e o asesoramento dun comité científico. O resultado deste traballo foi un estudo en profundidade do territorio, o primeiro destas características que se fixo nesta área xeográfica, que marca as liñas principais a seguir para desenvolver o territorio e que será fundamental acadar novos fondos europeos de cooperación na próxima década, con obxectivos e proxectos claros.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario