A Guarda novamente galardoada no certame Vilas en Flor
· Ao igoal que na edición precedente, o Concello guardés voltou a acadar dúas flores de honra
A Guarda voltou a acadar dous novos galardóns no certame “Vilas en Flor”
Foto: Infogauda
Infogauda / A Guarda
O certame “Vilas en Flor” vén de emitir no día de hoxe, mércores 4 de novembro de 2020, o fallo para outorgar as súas distincións aos concellos participantes nesta terceira edición que puxo en valor o deseño, xestión e mantemento dos espazos verdes urbanos coas súas flores de honra para os 26 concellos galegos participantes neste ano.
O Concello de A Guarda foi convocado para participar ao mediodía de hoxe, na entrega dos galardóns do programa Vilas en Flor, que nesta edición, debido á situación epidemiolóxica que estamos a atravesar, fíxose de xeito telemático.
Nese acto participaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto; o director do certame Vilas en Flor, Pedro Calaza, e a directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, Isabel Aguirre, así como representantes da Asociación de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e da Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar).
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto no acto telemático de hoxe
Foto: X.G.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá que o recoñecemento dos 26 concellos premiados co distintivo Vilas en Flor son moito máis ca un premio ou un selo de calidade, xa que denotan a importancia da conciencia social sobre o valor da paisaxe para estes municipios, que cada día se implican na protección e conservación da riqueza natural e paisaxística dos seus concellos.
A conselleira de Medio Ambiente salientou tamén que este tipo de galardóns, xunto coas iniciativas que impulsa a Xunta, contribúen a situar a paisaxe na axenda social; pois a paisaxe é unha cuestión esencial e identitaria de Galicia. Nese sentido, salientou o compromiso asumido pola Xunta de definir unha política eficiente en materia de paisaxe, establecendo ferramentas que aposten por manter viva a Galicia verde e azul.
CONCELLOS PREMIADOS EN 2020
Chantada e Allariz acadaron de novo as catro flores de honra. O xurado distinguiu tamén a Caldas de Reis, Lalín, Tomiño e Salvaterra de Miño con tres flores; a os de A Guarda, Baiona, Carballiño, Culleredo, Cuntis, Cambados, Fene, Gondomar, Narón, Ponteceso, Sada, Sarria, Salceda de Caselas, Pontedeume e Mondoñedo con dúas flores, e os de Ortigueira, Tui, San Sadurniño, Guitiriz e Betanzos foron recoñecidos cunha flor de honra.
A tenente de alcalde Mª Montserrat Magallanes Álvarez e a mestra composteira participaron no acto de entrega, onde o Concello de A Guarda foi galardoado con dúas flores de honra das catro ás que optaba.
A dirección do programa adicou unhas breves palabras de recoñecemento ao noso concello pola súa boa xestión dos espazos verdes destacando a labor realizada na Fortaleza de Santa Cruz.
O xurado desta edición estivo composto por Isabel Aguirre, Manuel Rodilla, Manel Rodríguez, Javier Padín, José Sánchez, Santiago Lamosa, Mª Isabel Iglesias, Manuel Torres, Xurxo Xoán González e Domingos Manuel Méndez. Distintos equipos formados polos membros do xurado foron os encargados de realizar as visitas técnicas a cada un dos concellos participantes, co fin de reunir información e analizar no terreo os criterios que puntúan neste certame.
CONCELLOS PREMIADOS NA EDICIÓN DE 2019
Na edición de 2019, o xurado distinguiu aos concellos de Chantada e Allariz con catro flores de honra, Caldas de Reis e Salvaterra con tres. A Portomarín, Ponteceso, Tomiño, Mondoñedo, A Guarda, Culleredo, Cuntis, Carballiño e Betanzos con dúas; e Gondomar, Ortigueira e Baiona foron recoñecidos cunha flor de honra.
VILAS EN FLOR
O Programa «Vilas en flor» persegue a mellora ambiental, social e económica dos concellos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación. Séguese así o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias, Andalucía e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá.
Trátase dun programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística destes concellos e a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de paisaxismo, axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. As “Flores de Honra”, que abranguen cinco niveis, son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.

Ningún comentario:
Publicar un comentario