Aprobado o Regulamento do Rexistro Municipal de Asociacións do concello de A Guarda
• A inscrición no Rexistro Municipal de Asociacións solicitarase polas persoas interesadas mediante instancia dirixida á Alcaldía, encabezada e subscrita polo representante legal da mesma
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda, unha vez rematado o prazo para a consulta pública, vén de aprobar definitivamente o Regulamento do Rexistro Municipal de Asociacións.
Desde o Equipo de Goberno Municipal indican que "o Regulamento do Rexistro Municipal de Asociacións do Concello da Guarda ten coma finalidade establecer o marco xurídico regulador do Rexistro Municipal de Asociacións, como instrumento que permita recoller documentalmente a realidade do tecido asociativo e de participación colectiva, dentro do marco territorial do Concello da Guarda, para coñecer a situación real das asociacións existentes, definir as liñas que impulsen a consolidación dun tecido social organizado e moderno que busque vías e se axuste mellor aos intereses dos cidadáns de hoxe, para participar e actuar nos asuntos que lles preocupan."
Asemade, desde o executivo local refiren que "para a creación do Rexistro Municipal de Asociacións no Concello de A Guarda foi necesaria a aprobación dun regulamento que estableza o seu contido, finalidades, dereitos e obrigas das asociacións que soliciten a súa inscrición, así como fixar o seu obxecto, que será permitirlle ao Concello de A Guarda coñecer o número de entidades existentes no municipio, os seus fins, representatividade e incidencia, para os efectos de posibilitar unha política municipal adecuada que contribúa a fortalecer o tecido asociativo do noso Concello".
O rexistro dependerá da Secretaría Xeral e a súa xestión e mantemento serán realizados pola Oficina Municipal de Información á Xuventude (OMIX), seguindo as directrices establecidas pola secretaría do Concello, se algunha asociación precisa de máis información ou asesoramento para rexistrarse, pode contactar no enderezo electrónico informacion@aguarda.es
Ningún comentario:
Publicar un comentario