30 de out. de 2020

TOMIÑO

A OMIX ofrece un curso de comida vegana sen glute e outros para traballar na nube  

As posibilidades que ofrece Google Docs o como utilizar a Sede Electrónica do Concello, son outras das propostas da Oficina Municipal de Información Xuvenil


 

Infogauda / Tomiño

 A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño impartirá nos próximos meses catro cursos para os que aínda quedan prazas vacantes. Trátase dos obradoiros (todos en liña) de Iniciación á cociña vegana e sen glute; Traballar na nube de Google; Aplicacións de Google: Google Docs; e Cómo utilizar a sede electrónica do Concello de Tomiño.  

 Na primeira destas accións formativas (Iniciación á cociña vegana e sen glute) aprenderase a elaborar receitas veganas e sen glute dende as materias primas, como o tofu ou tempeh, por exemplo, ata a preparación dun prato final. Ao rematar, ás persoas terán un receitario saudábel e equilibrado para unha semana. Os obxectivos principais son ofrecer alternativas veganas e sen glute e amosar como se elaboran produtos básicos coma poden ser as consideradas “carnes vexetais”. 

https://tomino.gal/obradoiro-online-de-iniciacion-a-cocina-vegana-e-sen-glute/  

 Pola súa banda, o curso básico Traballar na nube de Google, ten coma obxectivo saber que significa traballar na nube; trucos para dominar as buscas en Google, xestionar a axenda con Google calendar, saber utilizar drive+photos+google alerts+notas en liña+, o paquete de Google Office, deseñar gráficos en liña, etc.. 

https://tomino.gal/curso-online-traballar-na-nube-de-google/  

 Mediante este curso básico Aplicacións de Google: Google Docs, as persoas inscritas coñecerán todas as posibilidades que lles ofrece esta aplicación e aprenderán a configurar unha páxina, formatos de texto, viñetas e numeracións, encabezados e pé de páxina, táboas, insertar imaxes e/ou gráficos, índices e tabuladores, ferramentas básicas (tradución, corrección ortográfica), descargas e impresión, etc. 

 O curso ten lugar a través dunha plataforma e-learning cun titor que atende de xeito personalizado as consultas do alumnado. Custe total do curso: 5€ 

https://tomino.gal/curso-online-de-aplicacions-de-google-google-docs/  

 Por último, no obradoiro en liña Cómo utilizar a sede electrónica do Concello de Tomiño, as persoas aprenderán a manexar a sede electrónica municipal, para poder realizar calquera trámite as 24h dos 365 días do ano, dende a súa casa, sen necesidade de achegarse ao Concello; solicitar volantes ou certificados de empadronamento, licencias de obras menores, solicitude de espazos públicos etc. 

 As tarefas faranse tamén a través dunha plataforma e-learning cun titor que atende de xeito personalizado as consultas do alumnado. Custe total do curso: 5 euros. 

https://tomino.gal/curso-online-como-utilizar-a-sede-electronica-do-concello-de-tomino/  

 A OMIX Tomiño, por outra banda, está elaborando a programación de actividades e cursos 2021, para o que acepta, coma xa fixera outras veces, suxestións da xente moza, que poden enviarse por correo electrónico a omix@tomino.gal.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario