8 de out. de 2020

GALICIA

Os Bolechas inician esta fin de semana unhas 'Xornadas en igualdade' que os levarán por varios concellos de Galicia   

• Laxe, Chantada, Taboadela, Val do Dubra, Rodeiro e A Rúa recibirán nas próximas semanas a visita dos Bolechas corpóreos e dos monicreques, cunha nova proposta para promover a igualdade e a prevención da violencia de xénero 

• As 'Xornadas en Igualdade' desenvolveranse durante dous días en cada municipio e inclúen rueiros, espectáculo de monicreques e reparto de material didáctico para fomentar a educación en igualdade  

 


Teresa Rocamonde / Santiago de Compostela

 Este venres, 9 de outubro, arranca no concello de Laxe a nova proposta dos Bolechas denominada “Xornadas en igualdade'. Trátase dunha ambiciosa xira que levará a mensaxe da igualdade e a prevención da violencia de xénero a seis municipios galegos.  

 A actividade desenvólvese en dous días consecutivos: o primeiro son os Bolechas corpóreos os que se achegan ata cada localidade para saudar a cativada e o segundo son os monicreques os que, a través dunha función, achegarán a mensaxe da importancia que ten facermos un mundo máis xusto e igualitario, no que nenas e nenos teñan as mesmas oportunidades e dereitos. Para iso, porán en escena unha obra creada especificamente para transmitir esta mensaxe, Os Bolechas e o cavernícola, na que o público terá moito que dicir, como é habitual nas funcións dos Bolechas, xa que deberá axudar os monicreques a desbotar os comportamentos “cavernícolas” dun personaxe moi peculiar e ensinarlle a importancia de respectar a todas as persoas independentemente do xénero, raza, crenza etc.  

 Ademais dos rueiros e a función, os Bolechas deixarán en cada vila material didáctico para traballar dun xeito moi divertido o tema da igualdade desde as primeiras idades. Esta nova proposta didáctica dos Bolechas é unha das máis ambiciosas e completas, ao reunir nunha mesma acción múltiples iniciativas. O obxectivo é seguir afondando nunha mensaxe crucial na sociedade na que a popular familia está profundamente implicada. Hai xa varios anos que os Bolechas traballan o tema da igualdade tanto no ámbito escolar como familiar e tamén nas propostas de ocio, co obxectivo de que a cativada interiorice desde idades temperás que, malia as diferencias, nenas e nenos, mulleres e homes teñen os mesmos dereitos e deben ter as mesmas oportunidades.  

Calendario da xira  

 A xira Xornadas en igualdade empeza este venres, 9 de outubro no concello de Laxe co pasacalles dos Bolechas corpóreos, que sairán ás 19:00 horas da Casa consistorial e irán ata a praza de Ramón Juega. O sábado 10 de outubro o salón de actos municipal acollerá a función Os Bolechas e o cavernícola ás 19.00 horas.  

 Pola súa banda, os Bolechas corpóreos estarán o sábado 10 de outubro en Chantada. Ás 16:30 h sairán da praza do Cantón. E o domingo os monicreques estarán ás 19:00 h no Auditorio municipal.   

 A seguinte fin de semana as Xornadas en Igualdade chegarán a Taboadela. O sábado 17 de outubro o pasacalles dos Bolechas sairá ás 16:30 h e irá pola estrada principal ata o pavillón municipal, onde o domingo 18, ás 12:00 h, terá lugar o espectáculo de monicreques.  

 O 24 de outubro, ás 17:30 h os Bolechas corpóreos sairán do Campo da Feira de Val do Dubra e baixarán pola rúa Corredoira ata a casa do concello. E o domingo 25, ás 18:30 h, o Auditorio municipal acollerá Os Bolechas e o cavernícola. 

 Os Bolechas corpóreos despedirán o mes de outubro en Rodeiro. A partir das 16:30 h farán un percorrido circular desde a praza do Concello pasando pola rúa Gumersindo Areán. E o domingo 1 de novembro terá lugar o espectáculo de monicreques ás 16:30 h no pavillón municipal.  

 A última xornada será na Rúa, onde os Bolechas percorrerán a vila a partir das 16:30 h. Sairán da rúa Doctor Vila e pasarán polas rúas Circunvalación, Campo grande e Progreso ata chegar á praza do Concello. E xa o domingo 8 de novembro Os Bolechas e o cavernícola pecharán o telón ás 17:30 h no Centro Cultural Avenida. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario