30 de out. de 2020

EUROCIDADE TOMIÑO - VILA NOVA DE CERVEIRA

A lontra ‘Mizi’, elixida mascota do Festival Infantil da Eurocidade Cerveira - Tomiño  

Contou co 48’60% de preto de 2.000 votos emitidos polo alumnado  


               'Mizi', unha lontra de río típica da zona, foi a proposta gañadora
 

Infogauda / Tomiño

 Aproximadamente 2.000 estudantes de todos os centros educativos dos concellos irmandados de Vila Nova de Cerveira e Tomiño, desde educación infantil ata secundaria, aceptaron o reto da Eurocidade de elixir a mascota para o Festival Infantil Transfronteirizo “Aventura na Terra da Amizade”. 'Mizi', unha lontra de río típica da zona, foi a proposta gañadora.  

 O proceso organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño comezou, hai xa uns meses, cunha invitación dirixida a 13 deseñadores de Galicia e do Norte de Portugal para crear modelos de mascotas que, logo da avaliación do xurado designado, se reduciu a tres propostas finalistas: "Mizi", "Pinhas" e "Minius". 

 Grazas á estreita colaboración das direccións dos centros educativos e do profesorado de cada clase, todo o alumnado de ambos concellos fronteirizos participou libremente na elección do seu deseño favorito, nunha experiencia de cidadanía activa. Despois de contabilizar os aproximadamente 2.000 votos, "Mizi" foi a proposta máis votada cun 48,60%, seguida de "Pinhas" cun 32,80% e "Minius" cun 18,60%.  

 Nunha combinación das palabras "amizade" e "Minho", "Mizi" está inspirado nun animal típico da zona como a lontra de río, un peculiar mamífero con graciosos movementos que habita entre a auga e a terra. Para o verán de 2021, a 2ª edición do Festival Infantil Transfronteirizo "Aventura na Terra da Amizade" contará xa coa presenza desta mascota que terá diversas aplicacións.  

 Coa 1ª edición celebrada o 31 de agosto de 2019, a “Aventura na Terra da amizade” é un evento promovido no ámbito da Eurocidade Cerveira-Tomiño, co obxectivo de reunir ás familias nunha convivencia transfronteiriza nun ambiente natural, con xogos, espectáculos e animación do imaxinario dos máis pequenos. Ademais de convivencia e animación, o festival tamén ten unha forte compoñente de sensibilización ambiental.

Ningún comentario:

Publicar un comentario