O Equipo de Goberno Municipal leva a pleno un proxecto piloto de mobilidade transfronteiriza para compartir bicicletas eléctricas
Trátase dunha iniciativa da AECT Río Miño coa que se busca incrementar a mobilidade sustentable entre os concellos da raia.
O pleno celebrarase este xoves 24 ás 20.30 horas no salón de plenos do Concello
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño celebrará este xoves 24 de setembro un pleno ordinario ao que se levará, entre outros temas, a aprobación dun proxecto piloto de mobilidade transfronteiriza suave no que as bicicletas serán as protagonistas. Deste xeito, a través dun protocolo de colaboración, o Agrupamento de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Rio Minho) quere implantar un sistema para compartir bicicletas eléctricas co que fomentar a mobilidade sustentable entre os concellos da raia.
O proxecto contará coa instalación dunha estación de aparcamento virtual en Tomiño e Vila Nova de Cerveira e un total de entre 10 e 15 bicicletas eléctricas con GPS incorporado que se poderán usar de forma compartida para circular exclusivamente no territorio da Eurocidade Tomiño-Cerveira. Esta iniciativa lévase a cabo ao abeiro do proxecto SmartMinho, cofinanciado polo programa INTERREG VA.
O Concello investirá nesta iniciativa piloto un total de 7.500 euros.
Por outra banda tamén se levarán a pleno a aprobación das contas xerais e a aprobación dos festivos locais para o vindeiro ano 2021.
Ningún comentario:
Publicar un comentario