17 de set. de 2020

TOMIÑO

O Concello de Tomiño pon en marcha a redacción do seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible  

A acción está subvencionada ao abeiro das axudas destinadas a entidades locais asinantes do Pacto das Alcaldías para frear o cambio climático   

 

Ana Belén Casaleiro, na xornada PACES, que tivo lugar no Concello de Marín en outubro de 2019 
Foto: C.T.

 

Infogauda / Tomiño

 Respaldar a implantación do obxectivo europeo de redución de gases de efecto invernadoiro e adoptar un enfoque común para o impulso da mitigación do cambio climático, serán os fins principais do Plan de Acción polo Clima e Enerxía Sostible (PACES), cuxa redacción está xa en marchano Concello de Tomiño.  A acción está subvencionada ao abeiro das axudas destinadas a entidades locais asinantes do Pacto das Alcaldías para frear o cambio climático, cun importe de 8.712,00 €.  

 Este plan incluirá un inventario de emisións de referencia para realizar o seguimento das accións de mitigación e unha avaliación dos riscos e vulnerabilidades climáticas.  

 Explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro que, segundo a memoria do proxecto de redacción, entre as tarefas a realizar, figura a de establecer estratexias de adaptación e mitigación do cambio climático, proporcionando unha visión a longo prazo para que o concello poida ter un futuro enerxético sostible e moldear o clima. “Nestas estratexias incluiranse todos os proxectos realizados polo Concello, ou os que estean en curso, dende o ano tomado como referencia, así como proxectos futuros que redunden nos Obxectivos Comúns de Desenvolvemento Sustentable”, comenta.  

 Asemade, terase que incluír información relativa ao fitos clave, sectores prioritarios (edificios municipais e residenciais, transporte, etc.); resultados desexados a nivel social, económico e medioambiental; posible beneficios e oportunidades; establecer un compromiso de redución de emisións de alo menos un 40%, para o ano 2030; coordinar e crear estruturas organizativas dentro da administración local, con persoal específico; tentar implicar á cidadanía na preparación do plan; crear un orzamento e fontes de financiación para a execución e seguimento do plan e avaliar as opcións de adaptación existentes.  

 O Plan atópase xa en pleno proceso de elaboración, recollida de datos, documentación e finalmente redactarase de aquí a novembro, para ser aprobado logo en pleno, rexistrado na web da oficina europea PACES e posto en marcha.

Ningún comentario:

Publicar un comentario