Descenden a 15 os casos activos de Covid-19 no Rosal
Segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade na reunión de seguimento da situación epidemiolóxica
Infogauda / O Rosal
O Equipo de Goberno Municipal do Concello do Rosal fixo público un comunicado no cal informa que “este xoves 17 tivo lugar a segunda reunión por videoconferencia da Consellería de Sanidade cos rexedores dos concellos do Rosal, A Guarda e Tomiño para o seguimento da situación epidemiolóxica nestes municipios. Neste encontro Sanidade facilitou os últimos datos recollidos no Rosal, que reflicten un descenso tanto no número de casos activos como no de persoas en corentena.
Así, na actualidade no municipio hai 15 positivos e 25 persoas en estreito seguimento. Cabe destacar que se entenden como casos activos no municipio aqueles que foran positivos na proba PCR que aínda non recibiran a alta médica e que teñan o seu médico de cabeceira adscrito ao centro de saúde do Rosal”.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salientou a importancia destes datos, que supoñen “unha boa nova. Imos no bo camiño pero non podemos confiarnos, debemos seguir sendo responsables e extremando as medidas de precaución para evitar novos brotes”. É necesario recordar que o concello do Rosal mantén dende o pasado día 12 medidas restritivas co obxectivo de acoutar ao máximo a expansión do virus, restrinxindo e regulando determinadas actividades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario