1 de set. de 2020

TOMIÑO

A OMIX de Tomiño súmase á formación en liña  

Os catro cursos organizados para este mes de setembro impartiranse a través dunha plataforma e-learning. Xa está aberto o prazo de inscrición



Infogauda / Tomiño 

 A OMIX de Tomiño adáptase aos novos tempos para seguir ofertando á mocidade da vila cursos formativos atractivos e adaptados á demanda formativa dos máis novos e novas. Deste xeito, a OMIX organiza para este mes de setembro catro cursos que se impartirán a través dunha plataforma e-learning cun titor que atenderá de xeito personalizado todas as consultas do alumnado. Unha das grandes vantaxes deste sistema é que permitirá a cada participante escoller o seu propio horario e facer o curso cando queira ao longo de todo o mes.

 Xa está aberto o prazo de inscrición en calquera dos catro cursos a través da páxina web do Concello. Cada curso terá un custe de 5 euros.

 No curso básico de correo electrónico as persoas participantes aprenderán a crear unha conta en Google, a redactar correos electrónicos, a facer filtrado e clasificación de correos, a manexar programas de xestión de e-mails e a saber utilizados de xeito efectivo e produtivo. Para inscribirse hai que encher o seguinte formulario.

 Durante este mes tamén poderá aprenderse a traballar na nube de Google. O obxectivo deste curso básico é aprender que significa traballar na nube, coñecer os pros e contras desta forma de traballo, coñecer programas de navegadores, trucos para dominar as buscas en Google, deseñar gráficos online ou saber xestionar a axenda con Google Calendar e outros servizos de Google como Drive, Photos, Google Alertes, as notas en liña ou o paquete de Google Office.Inscricións aquí. 

 Por outra banda, as persoas interesadas tamén poderán aprender a como utilizar a sede electrónica do Concello de Tomiño, onde descubrir máis sobre esta ferramenta que permite realizar calquera trámite administrativo as 24 horas os 365 días do ano dende casa, sen necesidade de achegarse ao concello. Dende volantes ou certificados de empadronamento, licencias de obras menores, solicitude de espazos públicos,... Todo a un sinxelo golpe de clic. As inscricións poden facerse aquí.

 Por último, este mes a mocidade tamén poderá facer un curso de aplicacións de Google: Google DOCS. Mediante este curso básico as persoas inscritas coñecerán todas as posibilidades que lles ofrece esta aplicación e aprenderán a preparar a páxina, formatos de texto, viñetas e numeracións, encabezados e pé de páxina, táboas, inxerir imaxes e/ou gráficos, índices e tabuladores, ferramentas básicas (tradución, corrección ortográfica), descargas e impresión ou complementos, entre outras cousas. As persoas interesadas nesta acción formativa poden inscribirse aquí.

Ningún comentario:

Publicar un comentario