4 de set. de 2020

PONTEVEDRA

OS ‘CONCELLOS REVITALIZA’ EN FASE 2 ‘PISAN O ACELERADOR’ COA PREVISIÓN DE CUMPRIR COS OBXECTIVOS DE RECICLAXE DA UE NESTE ANO 2020  

Alcaldes e alcaldesas de Vilaboa, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, O Grove, Tomiño, A Illa, Valga e Poio reuníronse hoxe  

O vicepresidente Mosquera asegurou que a Deputación centrará esforzos nos primeiros municipios que quixeron avanzar “para que vexan pronto a costa abaixo” dos beneficios económicos   

A presidenta, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra e o deputado do Plan Revitaliza participaron na reunión de alcaldes, alcaldesas e concelleiros de Medio Ambiente celebrada hoxe na Deputación de Pontevedra
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

 Os ‘Concellos Revitaliza’ máis avanzados -en fase 2- están a ‘pisar o acelerador’ coa previsión de cumprir os obxectivos de reciclaxe marcados pola Unión Europea –o 50% dos residuos municipais- para finais de 2020. Así se puxo de manifesto na reunión de alcaldes, alcaldesas e concelleiros de Medio Ambiente celebrada hoxe na Deputación de Pontevedra, na que se constatou que facendo unha previsión moi conservadora extrapolando os datos de reciclaxe actuais, Mondariz Balneario cumprirá sobradamente as esixencias europeas, outros tres están rozando a porcentaxe necesaria (Vilaboa, Mondariz e As Neves) e outro (O Grove) cumplirá con toda probabilidade en 2021 polas súas dificultades de dispersión e estacionalidade.    

 O resto de concellos en fase II (Poio, A Illa, Tomiño e Valga) teñen a previsión de implementar o modelo de compostaxe en proximidade de maneira progresiva para chegarás cifras necesarias en dous exercicios, cun grande ritmo de implementación xa que nestes momentos están en fase de aplicación incipiente. Esta situación pon aos ‘Concellos Revitaliza’ nunha posición inmellorable dentro do panorama galego e estatal, xa que a meirande parte dos municipios galegos non chegará ás taxas de reciclaxe esixidas ata 2025 ou 2026, se ben a Unión Europea endurecerá para entón as súas peticións de reciclaxe ata o 55% do lixo municipal.   

 “Os Concellos Revitaliza serán dos poucos que poidan cumprir no Estado e a nivel internacional”, indicou o deputado Uxío Benítez, quen subliñou que todos os integrantes do Revitaliza están a ser referente internacional. Insistiu, amais, que a Deputación ten a idea de centrar os seus esforzos en priorizar aos concellos que deron o paso de apostar pola compostaxe e o modelo Revitaliza “para acadar os mellores datos”. En palabras do vicepresidente César Mosquera, estes concellos serán “os grandes beneficiarios, os ‘chichis’, da Deputación”.  

 O propio vicepresidente destacou o esforzo de todos os concellos en fase 2, sobre todo dos que xa teñen implantada a compostaxe como modelo, que están chegando a un punto irreversible: “Estamos no medio da montaña, case no pico ou iniciando a costa abaixo. Cando o paso ao novo sistema estea completo e xa non conviva co vello modelo, logo será todo costa abaixo. Canto menos duplicidade temporal haxa, antes haberá aforros e resultados”, dixo en relación aos beneficios económicos.   

 Pola súa parte, a presidenta Carmela Silva, que aproveitou a ocasión para facer un recoñecemento aos concellos implicados no Plan Revitaliza, destacou que “as administracións públicas e a política están para cambiar e mellorar o mundo, para ter compromisos, e dende o mundo local é dende onde se transforma a realidade”. Neste eido, Silva recordou que durante o século XX “tivemos un consumo desmesurado e irracional, pouco respectuoso co medio ambiente e que está a provocar que hoxe o planeta teña moitos riscos de supervivencia”, polo que impulsar o Plan Revitaliza foi unha decisión “valente, da que sentirnos orgullosas e orgullosos, e que sitúa á Deputación de Pontevedra como unha administración pública comprometida co cambio”.   

Tamén destacou a presidenta provincial o carácter exemplar do Plan Revitaliza. “É un modelo a seguir”, asegurou ao tempo que enxalzou que a nivel estatal, europeo, como fóra da Unión Europea, “mesmo da China”, estase a “mirar cara a provincia de Pontevedra para interesarse polo plan Revitaliza como un dos grandes proxectos de tratamento dos residuos orgánicos”.  

Plantas comarcais 

 A parte técnica do encontro chegou da man do asesor provincial Carlos Pérez, que puxo sobre a mesa que o Plan Revitaliza, co seu modelo de centros de compostaxe comunitaria (37%) e composteiros individuais (37%) podería dar servizo a ¾ partes da poboación da provincia, engadindo a maiores os concellos nos que se precisan plantas de compostaxe comarcais (24%). Neste sentido destacou a situación de Pontevedra, cun plan de compostaxe propio, ou O Grove e O Morrazo, que están a traballar tamén na posibilidade dunha planta propia.   

 Pérez debullou a situación actual concello por concello destacando a trascendencia da implicación dos gobernos locais. Lembrou que nestes momentos hai 43 concellos adheridos ao Revitaliza, 37 deles activos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario