A Xunta de Galicia promove a concienciación da sociedade na loita contra os residuos plásticos no mar mediante a campaña ‘Bye, bye plástico’
Esta acción pretende dar visibilidade ao problema que supón o consumo deste material e concienciar sobre a importancia de actuar de xeito responsable tanto ao desbotalo como ao xestionalo
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, e a conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, presentaron hoxe a campaña Bye, bye plástico
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
A conselleira de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, e a conselleira do
Mar en funcións, Rosa Quintana, presentaron hoxe a campaña Bye, bye
plástico, coa que o Executivo galego pretende dar visibilidade ao
problema medioambiental que supón o consumo excesivo de plásticos e a
súa chegada ao mar así como concienciar á cidadanía co obxectivo de
crear unha comunidade activa e implicada na loita contra estes residuos e
na defensa dun futuro ambiental sustentable.
A iniciativa márcase
estas metas coa finalidade de contribuír a frear datos preocupantes
como que nos últimos dez anos se produciu en todo o mundo máis plástico
que en toda a historia da humanidade ou que nove millóns de toneladas de
residuos plásticos -dos que un 80% proceden de terra- acaban cada ano
nos océanos do planeta. Uns residuos que poden tardar varios séculos en
degradarse e desaparecer e que xa provocaron a formación de cinco illas
xigantes de plástico nos nosos océanos, unha delas 50 veces máis grande
que Galicia.
Baixo o lema Bye, bye plástico. Non é por ti, é por
nós e protagonizada por nenos -porque eles son o futuro para conseguir
que Galicia siga sendo verde e azul- a campaña busca viralizar a mensaxe
nas redes sociais -a través de Facebook, Twitter e Instagram- e
fomentar a participación da poboación mediante un discurso positivo e
consellos prácticos arredor da importancia de reducir, reutilizar e
reciclar os plásticos ao tempo que se desbotan os residuos de xeito
responsable.
Durante a presentación da campaña, a conselleira de
Medio Ambiente en funcións, Ángeles Vázquez, aproveitou para recordar a
necesidade de depositar no contedor verde xenérico as máscaras e as
luvas, que por mor da covid-19 son indispensables no día a día. “Un
residuo que empeza a constituír un novo problema para o benestar do
planeta e que xa comeza a estar presente nos mares, unha situación que
se debe frear”, recalcou.
Nova Lei de residuos
Ao fío
disto, a conselleira de Medio Ambiente en funcións tamén lembrou que a
nova Lei de residuos aprobada en decembro de 2019 no Consello da Xunta,
que non chegou a tramitarse no Parlamento por mor da convocatoria
electoral e da crise sanitaria polo coronavirus, volverá a retomarse co
fin de contar cun texto normativo que xustamente pon o foco na xestión
dos plásticos e co que situar a Galicia á cabeza das rexións europeas en
adaptar e integrar a normativa ao contido da directiva comunitaria
referente a estes residuos.
“Será -avanzou- un dos primeiros
textos normativos que se aprobe nos plenos do Parlamento galego”, e
salientou que esta non é a única ferramenta coa que conta a sociedade
galega, senón que ten ademais a Estratexia de Cambio Climático e Enerxía
2050, cun apartado específico para a erradicación do consumo de
plástico; e a Estratexia de Economía Circular 2020-2030, deseñada para
superar o caduco modelo lineal de producir, usar e tirar.
A
conselleira de Mar en funcións, pola súa banda, apelou ao compromiso de
todas e todos, tanto dos máis novos como dos maiores, en favor dun
comportamento cívico que permita preservar o medio ambiente e os
recursos naturais, fundamentais para o benestar da sociedade. Nesa liña,
lembrou que o mar é unha fonte de riqueza para Galicia e incidiu en que
a protección dos seus recursos, evitando que o lixo chegue ao mar, é
fundamental para a subsistencia de milleiros de familias das vilas
costeiras galegas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario