O Concello reúnese coa Xunta de Galicia para falar do desenvolvemento da área industrial do Rosal
A alcaldesa, Ánxela Fernández, acudiu co equipo técnico redactor do PXOM ao encontro co director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Heriberto García
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal mantivo este mércores 23 de setembro unha reunión con responsables do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para abordar a situación na que se atopa na actualidade o parque empresarial supramunicipal A Guarda-O Rosal. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, acudiu ao encontro co director xeral do IGVS, Heriberto García, acompañada polo equipo técnico redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Rosal, que se atopa nestes intres en pleno desenvolvemento.
A execución deste parque empresarial, de máis de 272.000 metros cadrados de superficie situados en terreos do barrio de O Viso e de A Gándara, foi aprazada hai unha década pola Xunta de Galicia. Para o equipo técnico coñecer o plan previsto para esta zona é fundamental, xa que influirá directamente na redacción do novo PXOM do Rosal.
Para o Concello a posta en marcha deste parque empresarial de competencia autonómica é unha prioridade, xa que “o polígono supón unha aposta de futuro para o desenvolvemento do municipio”. “A área sur do Baixo Miño é unha zona moi activa cun marcado carácter transfronteirizo na que é esencial que haxa un asentamento industrial estable”, explica a rexedora. A creación dese solo industrial non soamente “permitiría xerar dinamismo económico na zona, senón que axudaría de forma importante por exemplo a fixar poboación”.
O Concello seguirá insistindo, traballando e colaborando para que o órgano competente, que é a Xunta de Galicia, priorice e desenvolva este parque empresarial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario