25 de set. de 2020

MOS

Máscaras protectoras de agasallo para o ensino medio e bacharelato de Mos 

 

Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, e Julia Loureiro, concelleira de Educación, no IES de  Petelos, onde entregaron 745 pantallas protectoras xunto a Carlos Alves e Javier Berbel, representantes de  DEMSU
 

Infogauda / Mos

 Todo o profesorado e estudantes de todos os centros educativos públicos de Mos son os beneficiarios do agasallo de case dous milleiros de máscaras protectoras por parte de DEMSU. 

 Na mañá de hoxe produciuse a última incorporación ás aulas do alumnado, segundo o protocolo previsto e, é por iso polo que, tras entregalas o día 11 aos máis pequenos, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, e Julia Loureiro, concelleira de Educación, ás 11:00 horas, no IES de  Petelos, entregaron as últimas 745 pantallas protectoras xunto a Carlos Alves e Javier Berbel, representantes de  DEMSU.

 Na devandita entrega, DEMSU realizou unha mostra ao profesorado e estudantes da eficacia da pantalla protectora para non contaxiarse da Covid-19. DEMSU é unha empresa situada no municipio e dedicada ao deseño e fabricación de  moldes de inxección, principalmente para o sector da automoción, realiza a doazón grazas a un acordo co Concello e ao impulso do proxecto CONNECT de Tecnópole e Xunta de Galicia. 

 O representante de DEMSU, Javier Berbel, explicou que a pandemia da Covid-19 supuxo “a reorientación dunha liña de produción da súa empresa para dedicala a fabricar equipos de protección persoal” (EPI). O resultado foron estas máscaras que pola súa dimensión, peso e capacidade de fixación á cabeza das persoas usuarias resultan as máis completas do mercado, xa que non pesan, non apertan e non se embazan. O deseño e fabricación, 100% galegos, convértena no complemento idóneo para garantir as actividades tanto escolares, como profesionais e diminuír así a propagación do virus.  

 As máscaras fabricadas por DEMSU naceron no seu propio laboratorio de I+D e cumpren todas as condicións sanitarias e de calidade, garantidas pola normativa europea UNE 166:2002. Fabrícanse en varias cores para facilitar os grupos burbulla ou de traballo, e dispoñen de versións para público adulto e infantil. As pantallas protectoras destacan ademais polo seu alto nivel de confort, xa que “o peso resulta mínimo e o agarre á cabeza é dobre. Ademais, é  lavable con auga e xabón”, destacou Javier Berbel. A pantalla protectora ademais da parte frontal da cara chega ata os oídos, o que garante a máxima protección. A distancia de separación da cara e as súas diademas axustables tamén lle confiren unha alta operatividade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario