4 de set. de 2020

O ROSAL

O Concello do Rosal aplica o desbroce selectivo para a recuperación dos bosques de ribeira  

· Este método permite conservar os hábitats naturais dunha gran variedade de especies e minimiza o avance de invasoras

Este tipo de desbroce permite a conservación dunha vexetación fundamental para o equilibrio ecolóxico da zona
Foto: C.O.R.

 Infogauda / O Rosal

 O Equipo de Goberno Municipal do Concello do Rosal aposta por un novo modelo de desbroce máis ecolóxico e sostible que permita diferenciar a vexetación que se debe eliminar da que non. Como indica a alcaldesa Ánxela Fernández “a través deste desbroce selectivo búscase a recuperación do bosque de ribeira no río Carballas, minimizando o avance de especies invasoras e permitindo o aniñamento de diversos animais, o que permite conservar os hábitats naturais dunha gran variedade de especies

 Dende a Concellería de Medio Ambiente estanse dando pasos para garantir a conservación destes bosques de ribeira e a rexeneración da vexetación actual, xa que de continuar cos desbroces de toda a zona en poucos anos a actual arboreda desaparecerá”, salientou a rexedora municipal.

 Ánxela Fernández tamén puxo en valor que este tipo de desbroce permite a conservación dunha vexetación fundamental para o equilibrio ecolóxico da zona, xa que os bosques de ribeira funcionan como protectores de solo e auga, reducindo a sedimentación, mantendo a calidade da auga e impedindo a entrada de contaminantes. Forman ademais corredoiros que contribúen á conservación da biodiversidades, subministran alimento e refuxio á fauna ou absorben e fixan o dióxido de carbono.

Ningún comentario:

Publicar un comentario