16 de set. de 2020

O ROSAL

O Sergas ten activo un teléfono para facilitar a detección e seguimento de casos de persoas que non residan en Galicia  

O Rosal mantense nos 18 casos confirmados activos procedentes de catro brotes, tres de ámbito familiar e un laboral 

  
Infogauda / O Rosal

 No día de hoxe, mércores 16 de setembro de 2020, o Equipo de Goberno do Concello do Rosal vén de facer público un comunicado no que informa á cidadanía nos seguintes termos:

 "O Servizo Galego de Saúde mantén operativo un procedemento específico para a detección e seguimento de persoas procedentes doutras comunidades autónomas ou doutros países e non residentes en Galicia que estea na comunidade de vacacións ou de paso e que poidan presentar síntomas de coronavirus.  

 As persoas afectadas deberán chamar ao teléfono 881 00 20 21, a través do que se simplificará calquera trámite administrativo para que estas persoas sen médico de cabeceira na zona poidan ser avaliadas de modo áxil e que o persoal sanitario poida tomar unha decisión sobre a proba de diagnose ou sobre o tratamento no caso de considerarse necesario.  

 Segundo os últimos datos facilitados pola Consellería de Sanidade, O Rosal mantense con 18 casos activos de Covid-19 repartidos en catro brotes, tres de carácter familiar e un de ámbito laboral. Son considerados como casos activos aqueles que foron positivos na proba PCR que aínda non recibiron a alta médica e que teñan o seu médico de cabeceira adscrito ao centro de saúde do Rosal. Sanidade fai o seguimento tamén doutras 33 persoas no concello por ser contactos estreitos dos positivos. 

 Dende o Concello seguirase trasladando puntualmente á poboación toda a información oficial facilitada dende a Xunta de Galicia para que teña coñecemento da evolución da situación no municipio. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salienta o compromiso de todos os veciños e veciñas con esta situación e o bo cumprimento que están a facer de todas as medidas preventivas adoptadas nos últimos días".

Ningún comentario:

Publicar un comentario