A veciñanza do Grove botouse á rúa ao berro de “Thenaisie non se pecha!”
Varios centenares de persoas participaron nunha nova marcha en defensa do emprego
Infogauda / O Grove
A veciñanza do Grove volveu a saír masivamente á rúa este domingo para reclamar unha solución que evite o peche da conserveira Thenaisie Provôté e que garanta o mantemento de todos os postos de traballo. Dende o comité de empresa critican a “incompetencia” da Xunta e ínstana a implicarse na busca dun inversor interesado na adquisición da fábrica para manter o proxecto industrial.
A marcha arrincou ao mediodía da praza do Concello e rematou no mesmo lugar tras percorrer as principais rúas da localidade. Unha vez alí tomou a palabra Rosa Domínguez, representante da CIG no comité de Thenaisie, que se amosou moi crítica co papel que a Xunta está a xogar neste proceso.
“Non foron capaces nin de xuntarse coa última empresa interesada en mercar a conserveira, son uns incompetentes, e nós non podemos estar máis tempo así”, denunciou a traballadora. E é que Thenaisie atópase en concurso de acredores e con parte do seu persoal en ERTE, o que está a provocar consecuencias moi negativas na situación económica das empregadas/os.
“Non imos consentir que o grupo propietario se dedique só a levar os cartos para Romanía e non queira manter os empregos nos centros de traballo do Grove e de Mos, xa que corremos o risco de que esta comarca se converta nun deserto industrial”. Por iso apremou á Xunta a poñerse á fronte das negociacións na busca dunha saída para a problemática que ameaza a supervivencia da empresa.
NOVAS MOBILIZACIÓNS
O cadro de persoal da conserveira Thenaisie Provôté desenvolverá dúas mobilizacións en Vigo este martes 22:
11:00 horas: diante do despacho de avogados Garrigues (rúa do Areal, 6).
12:00 horas: diante da delegación da Xunta (Concepción Arenal, 8).
Ningún comentario:
Publicar un comentario