O Concello do Rosal aprobas as bases para a concesión de subvencións para actividades sociais
Forma parte do Plan Estratéxico elaborado para unha planificación detallada a medio e longo prazo das axudas
Infogauda / O Rosal
Por primeira vez na súa historia, o Concello do Rosal conta cun Plan Estratéxico de Subvencións, unha ferramenta a través da que realizar unha planificación detallada a medio e longo prazo das axudas ao tecido asociativo. Neste marco, a Corporación Municipal aprobou no pleno ordinario celebrado este xoves 24 de setembro, “as bases e a convocatoria para a concesión de subvencións municipais a entidades sen fin de lucro para a realización de actividades sociais durante 2020. A estas axudas destinarase un orzamento de 5.000 euros”.
Desde o Equipo de Goberno Municipal indican que “o obxectivo desta convocatoria é apoiar e promover en réxime de concorrencia competitiva a concesión de subvencións entre as entidades de carácter social que desenvolvan actividades que redunden no benestar social da veciñanza a través de accións de prevención, asistencia, incorporación social ou fomento e sensibilización da participación cidadá definidas como prioritarias dentro do ámbito de intervención de Servizos Sociais. A maioría das asociacións que realizan este tipo de actividades teñen un ámbito de actuación supramunicipal.
As axudas irán destinadas a financiar proxectos de inclusión social para a cobertura de necesidades básicas ou que se executen directamente con persoas en situación de vulnerabilidade; de intervención con persoas maiores, dependentes ou con diversidade funcional; de atención no ámbito das drogodependencias ou para a realización de actividades socioculturais destinadas á poboación xeral”.
“Deste xeito buscamos apoiar na medida do posible o traballo que desenvolven as asociacións coa implicación da veciñanza, que contribúe á mellora da realidade do noso concello. Queremos darlle máis liberdade ao tecido asociativo para que poidan facer con eses fondos o traballo que xa veñen desenvolvendo, aínda que máis alá de axudas económicas seguiremos traballando man a man con eles en proxectos e actividades en común para poñer en valor e visibilizar o traballo do asociacionismo”, resalta a alcaldesa, Ánxela Fernández.
Por outra banda, neste pleno tamén se procedeu á aprobación inicial para a actualización do inventario de Bens Inmobles municipais, no que se atopan dende todo tipo de terreos, parcelas ou prazas ata parques, escolas, lavadoiros, fontes ou bombeos. O último reconto destes bens municipais realizouse en 2006 e dende entón procedeuse á adquisición de novas parcelas e inmobles que non están rexistrados como propiedade municipal. Xunto a esta iniciativa tamén se trataron, xunto a outros temas, a aprobación dos festivos de carácter local para o vindeiro ano 2021, que serán o 16 de febreiro e o 26 de xullo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario