Denuncian que a falta de Policía portuaria en Vigo tradúcese no aumento de actos vandálico na zona
A CIG non descarta a convocatoria de mobilizacións, e mesmo dunha folga, en defensa do futuro do persoal deste servizo
Mosaico de imaxes na contorna da estación marítima de Vigo
Fotos: CIG
Fotos: CIG
Infogauda / Vigo
A representación da CIG no comité de empresa da Autoridade Portuaria de Vigo (APV) vén denunciar que a falta de Policía Portuaria está a traducirse nun aumento dos actos vandálicos na contorna da estación marítima. Dende a central anuncian que barallan convocar mobilizacións, e mesmo unha folga, en defensa do persoal dun servizo que consideran está a ser desmantelada dende a chegada do Enrique López Veiga á presidencia do Porto.
Segundo explican dende a sección sindical da CIG na APV, cada día son máis os actos vandálicos que se rexistran nas inmediacións da estación marítima, “en especial a gran cantidade de pintadas na súa contorna, nos xardíns e nas naves da cara este do peirao”.
Dende a central responsabilizan a propia Autoridade Portuaria do abandono da zona e atribúen o crecemento destes actos á falta de vixilancia. Sinalan que con motivo do estado de alarma o Porto suprimiu o posto do control de accesos da Policía portuaria e reduciu o número de persoal que presta servizo nas distintas quendas de traballo desta policía.
“Se ben, tras varias queixas do comité de empresa e pola presión exercida pola CIG a través da denuncia nos medios e comunicación a Autoridade Portuaria decidiu recuperar parcialmente este posto de traballo, e a Policía portuaria volve prestar servizo na zona de luns a venres nas quendas de mañá e de tarde”. Con todo, consideran que esta medida non é suficiente, polo que reclaman a recuperación total do servizo 24 horas os 365 días ao ano.
Lembran que antes da chegada de López Veiga á presidencia do ente portuario, ademais do servizo 24 horas do control de accesos, prestábase servizo de transatlánticos interior, “pero agora pretenden que estes dous servizos se presten parcialmente, e por un axente nada máis”. De feito, indican que outros servizos, como o de Beiramar, “tamén pasou a prestarse parcialmente, e por axentes doutros peiraos, que ven aumentada a súa carga de traballo mentres os diferentes peiraos contan con cada vez menos presenza de Policía portuaria”.
Ao mesmo tempo, sosteñen que as patrullas tamén sufriron os recortes de López Veiga. “A CIG vén denunciando dende hai tempo que é indispensábel que a Policía portuaria preste servizo presencial no interior dos peiraos principais, e que se conte co apoio de como mínimo unha patrulla composta por dous axentes para que reforce os servizos que precisen da súa intervención”.
Activación da OPE
Neste senso, reclaman que se activen os procesos de selección de persoal e que se destine a maior parte da Oferta Pública de Emprego (OPE) a cubrir as necesidades do servizo de Policía portuaria, xa que na actualidade hai 28 axentes fixos menos que en 2016, polo que se fai urxente solucionar a problemática da temporalidade dentro da Policía portuaria.
A CIG lamenta que a Autoridade Portuaria gaste a maior parte da OPE para facer fixo a persoal fóra de convenio, “contratado coa intención de privatizar todo servizo público canto lles é posíbel, mentres que dentro da Policía portuaria a eventualidade supera o 50%, tendo a 30 traballadores/as, moitos con máis de tres anos de antigüidade, nunha bolsa de emprego temporal (cubrindo necesidades estruturais) coa que o presidente da APV quere disfrazar o alarmante recorte de persoal que lle meteu á Policía portuaria”.
Por todo isto miran con moito pesimismo o futuro dun servizo “imprescindíbel para o Porto e para a propia cidade”, mais deixan moi clara a súa intención de defender a súa supervivencia “con todos os recursos que estean na nosa man”. Así, non se descartan a convocatoria de mobilizacións, e mesmo dunha folga, “en defensa do presente e do futuro do persoal da Policía portuaria”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario