O Concello do Rosal amplía a información turística na súa web
A páxina incorpora localizacións e información sobre puntos de interese do concello
Durante o mes de agosto continúan a ofrecerse as visitas guiadas ás sendas dos muíños do Folón e do Picón
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal vén de implementar unha nova área de información turística na súa web coa que dar a coñecer os puntos de interese do municipio rosaleiro. Esta actualización adquire maior importancia ao permanecer fechada na actualidade a oficina de información turística municipal debido á situación de crise pandémica.
A web achega ademais nova información sobre localizacións e puntos de interese e propón cinco plans imprescindibles para todo aquel que queira coñecer as virtudes naturais e patrimoniais do Rosal. Neles pódese atopar información de emprazamentos de alto valor paisaxístico e natural como os miradoiros da Portela e do Niño do Corvo, as áreas recreativa das Aceñas e do Tamuxe, as sendas homologadas dos Muíños do Folón e do Picón ou da Senda dos Pescadores entre outros moitos.
Durante o mes de agosto continúan a ofrecerse as visitas guiadas ás sendas dos muíños do Folón e do Picón e á senda dos pescadores.
Ademais de información adicional, na web ofrécese información sobre as ubicacións dos puntos de interese, coa posibilidade abrilas en calquera aplicación de mapas, datos sobre a ficha técnica e o nivel de dificultade das rutas de sendeirismo ou a posibilidade de descargar un documento PDF para poder consultar todos estes datos sen necesidade de conexión a internet. No caso por exemplo da ruta dos muíños do Folón e do Picón pódese acceder tamén a vídeos explicativos en galego, español e inglés, accesibles tamén durante a ruta mediante códigos QR.
Aparte de poder consultar estas novas achegas presentes na web, calquera persoa que precise información adicional pode pasar polo concello de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario